A formación de Colau impide que Barcelona se adhira aos concellos independentistas

Coa súa abstención, Barcelona en Comú negou os votos precisos para a adhesión de Barcelona á AMI se consumar. Votaron a prol Convergència, Esquerra e a CUP. 

Concello Barcelona AMI
photo_camera Foto: NacióDigital

Ada Colau volta a distanciarse do proceso soberanista en curso en Catalunya. Primeiro anunciou que non iría á manifestación da Diada por considerar que a mobilización fai parte da campaña eleitoral do bloco independentista. Agora, coa súa abstención, na sesión plenaria decorrida esta segunda feira, bloquea a incorporación de Barcelona á Associació de Municipis per la Independència (AMI). Non só se abstivo, senón que cargou contra ela. "Ten unha visión conservadora, mística e clerical", afirmou na súa intervención no Pleno o concelleiro de Barcelona en Comú Jaume Asens. "É a de Cambó, Vicens Vives i Mossèn Cinto Verdaguer, non a de Salvador Segui e Andreu Nin", engadiu.

A postura de Colau provocou a retirada de confianza na súa formación por parte de Esquerra. "Hoxe retirámoslle a confianza que lle demos. A partir de agora terá [Ada Colau] de se gañar cada respaldo que receba por parte nosa", dixo o portavoz republicano Alfred Bosch.

Como era previsíbel, Ciutadans, PP e PSC votaron en contra.

O 78% de concellos cataláns, na AMI

A AMI está composta neste momento por un total de 741 concellos, o que supón o 78,2% dos 947 que ten Catalunya.

Comentarios