mércores 14/04/21
ELECCIÓNS 12-X

Luca Chao: "A 'food truck' deume maior contacto coa xente e as súas problemáticas"

A máis votada nas primarias de Podemos para confeccionar as candidaturas para os comicios galegos do 12-X foi Luca Chao. Parlamentaria desde 2016 no Hórreo, decidiu deixar a dedicación exclusiva da Cámara, coa súa consecuente redución salarial, para emprender cun negocio de food truck. 
2020061521293539288
A candidata e parlamentaria Luca Chao forma parte de Podemos e creou un negocio de 'food truck'; (Foto: Nós Diario)

—Que mudou na política desde que se achegou a Podemos por primeira vez en París?

Aquilo que diciamos de que era posíbel un Goberno diferente e en favor das maiorías xa non é unha utopía. Hoxe isto é unha realidade. Os avances do Goberno estatal, pese ao seu pouco tempo de vida, non se poden discutir: suba do salarial, aprobación do Ingreso Mínimo Vital, axudas a persoas autónomas... son cuestións que mudaron xa a política española para sempre. 

—A participación de Podemos no Executivo estatal favorecerá Galicia en Común o 12-X?

Sen lugar a dúbidas. A mellor garantía da nosa formación política é que precisamente gobernamos no conxunto do Estado, desde onde conseguimos eses logros tan importantes. E o noso obxectivo é trasladar ese Goberno de progreso á Xunta da Galiza, para pór o foco nos dereitos das maiorías sociais. 

—E como valora estes 11 anos de Núñez Feixoo na Presidencia?

É unha década de retrocesos constantes. Poderiamos preguntar a calquera cidadá se pensa que estamos mellor que hai unha década. A resposta, estou convencida, sería un 'non' unánime. Os datos son incontestábeis: houbo menos gasto social, Feixoo triplicou a débeda en comparación cos presidentes anteriores, reduciu partidas en sanidade e ensino, elimináronse camas hospitalarias... Son 11 anos perdidos, de parálise total, de recorte do público e de aposta pola privatización. Agora temos que revertelo. 

—E cales son as primeiras medidas que poría en marcha desde a Xunta da Galiza?

O fundamental é elaborarmos un gran pacto en defensa dos servizos públicos, que blinde o investimento en sanidade, en educación e nos servizos sociais, que son tres alicerces fundamentais para podermos avanzar na mellora da calidade de vida das persoas, e máis aínda nun momento histórico chave como este, coa crise da COVID-19. Non podemos saír dela pensando en facer recortes, como quere Feixoo. 

—Que lle descubriu emprender coa food truck?

Deume un contacto persoal diferente, permitiume coñecer xente, falar con ela e ver as problemáticas de maneira moito máis directa que doutra forma non tería pasado. 

comentarios