40º aniversario

A FONDO: A Galiza da Transición

Pasados 40 anos, revisamos en A FONDO, con testemuñas directas, o momento político no que se sentan as bases do réxime actual. E facémolo de maneira analítica, con argumentos que permiten ollar criticamente uns tempos en que o pobo galego abrir unha alternativa de ruptura contra a II Restauración. Xa na nosa loxa co SG 244

[Imaxe: Fundación Terra e Tempo] Manifestación labrega en Lugo o 9 de setembro de 1979. De esquerda a dereita: Andrés do Ferradal, Xesús Trigo, Emilio López, Fiz Castro, Santiago Seco Pertega, Valentín da Pastoriza, David Souto Alba, Xesús Méndez, Vázquez Rivas, coa bandeira galega Paula Pérez Domínguez.
photo_camera [Imaxe: Fundación Terra e Tempo] Manifestación labrega en Lugo o 9 de setembro de 1979. De esquerda a dereita: Andrés do Ferradal, Xesús Trigo, Emilio López, Fiz Castro, Santiago Seco Pertega, Valentín da Pastoriza, David Souto Alba, Xesús Mé

Coordinado pola investigadora e divulgadora cultural Cilia Torna, o A FONDO que acompaña o número 244 de Sermos Galiza (á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais) debulla a Galiza da Transición e os días e os feitos nos que o pobo galego conformou unha alternativa de ruptura contra a II Restauración.

O ensaísta e dirixente nacionalista Francisco Rodríguez Sánchez achega as claves políticas da Transición, o papel do nacionalismo galego e da esquerda española. Desmonta ademais a falacia da instauración do actual réxime como unha operación modélica e un grande éxito.

Este A FONDO tamén aborda esta etapa desde o punto de vista sindical. É Manuel Mera Sánchez, cofundador das primeiras organizacións sindicais nacionalistas, quen escribe acerca da evolución do sindicalismo na Galiza. Aliás, Ramón Muñiz de las Cuevas, sociólogo e cofundador dos Comités de Apoio á Loita Labrega e das Comisións Labregas, dá conta da fortaleza do sindicalismo agrario, en que o nacionalismo desenvolveu un papel fundamental.

Sobre as eleccións de 1977 e o nacionalismo galego infórmanos Pilar Allegue Aguete, profesora da Universidade de Vigo e candidata do BNGPG aos citados comicios. Fai fincapé, na súa achega, na importancia da ANPG como fronte interclasista no tránsito á democracia formal que vivimos. Tamén salienta a capacidade de mobilización da formación política.

O movemento estudantil nacionalista é o protagonista da achega de Néstor Rego Candamil, historiador e dirixente de ERGA. Precisamente, ofrece unha traxectoria sobre a organización que aglutinaba o estudantado identificado coa causa nacional; sobre os obxectivos das reivindicacións estudantís ou sobre a importancia de ERGA no movemento nacional popular.

Cilia Torna: "O nacionalismo galego demostrou, ao igual que o vasco e o catalán, que no Estado Español non hai máis alternativa de mudanza real que aquela pivota sobre a recuperación da liberdade das súas nacións sen estado"

Fecha o A FONDO, un artigo de Cilia Torna en que explica a finalidade do suplemento, “queremos fornecer elementos de análise que permitan coñecer un parte da historia de nós e sacar conclusións para o tempo presente”. Explica que a “formulación dunha alternativa galega á Constitución Española, o combate ao seu programa económico, os Pactos da Moncloa, ou o rexeitamento da proposta autonomista, en tanto negación do suxeito político galego nación, debuxan un marco político en Galiza que pouco ten a ver co do resto do Estado.”

“O noso pobo non só estivo presente e na vangarda da loita por unha sociedade autenticamente democrática, senón que o nacionalismo galego demostrou, ao igual que o vasco e o catalán, que no Estado Español non hai máis alternativa de mudanza real que aquela pivota sobre a recuperación da liberdade das súas nacións sen estado”, salienta a coordinadora deste A FONDO que publicamos con motivo do 40º aniversario da Transición.

[Podes ler o A FONDO íntegro no número 244 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios