O ministro recúa e anuncia que si se fará a variante exterior a Ourense

Fomento di agora que conectará Galiza con Madrid "no menor tempo posíbel"

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, deu marcha atrás e o Estado si levará a termo o proxecto da variante exterior para a chegada do AVE a Ourense. A polémica agacha o fundamental: a demora na realización das obras. Fomento non dá agora ningún prazo para a conclusión da conexión Galiza-Madrid por alta velocidade.

obras AVE
photo_camera Obras do AVE

Se estivésemos falando dun filme de Hichtcock diríamos que a variante exterior de Ourense é un simples macguffin, un artificio do guión para desviar a atención do fundamental ao accesorio. As árbores da polémica sobre o enlace de chegada da alta velocidade á cidade das burgas impiden ver o bosque de que o Goberno do Estado, mais unha vez, disponse a incumprir os seus prazos para a finalización das obras de alta velocidade de conexión de Galiza con Madrid. 2018 é xa un obxectivo ilusorio, mais Fomento non dá no seu canto ningún prazo alternativo e esta terza feira limitouse a afirmar, a meio dun comunicado, que a conexión de "Galiza coa Meseta" se vai realizar "no menor tempo posíbel".

Esta retórica de Fomento entronca coa empregada esta terza feira pola Xunta da Galiza, quen, por boca de Alfonso Rueda, tampouco mantiña erguida a bandeira de 2018 e apelaba simplesmente a que as obras se concluísen "no prazo máis razoábel". Si pedía Rueda que se fixese "nos termos acordados inicialmente", petición que Fomento acolleu sen grandes problemas, porque todo indica que para o Ministerio a chave non está en como chega o AVE ao noso país, senón en cando.

Nese mesmo comunicado de imprensa, o Ministerio de Fomento daba marcha atrás ao amago do seu titular, Íñigo de la Serna, sobre un hipotético desbotamento da variante exterior a Ourense. Non haberá tal. O enlace vaise construír.  "Mantemos o compromiso de que a alta velocidade chegue a Ourense, tal e como estaba previsto, através da variante exterior, que uniría Taboadela e Ourense", afirma o departamento gobernamental. O que non se di é cando vai ser isto. Neste momento o proxecto está aínda en fase de estudo ambiental e aínda non foi licitado. O seu custo foi cifrado por De la Serna en por volta de 600 millóns de euros e o prazo para a súa realización roldaría os 4 anos.

O que fará o Ministerio de Fomento para acortar os prazos é arbitrar unha solución transitoria: reformará a vía actual, que impide aos comboios superar os 100 quilómetros/hora, para o AVE chegar a Ourense antes de se realizar a variante exterior.

Cando? Nin na Xunta nin Fomento comprometen data. O bosque continúa baixo unha mesta néboa.

Comentarios