FOGA intégrase no Bloque

Esta sexta feira Ana Pontón e Xosé Carlos de la Fuente asinarán o protocolo de integración da Fronte Obreira Galega no BNG.

Fronte Obreira Galega
photo_camera FOGA e BNG mantiveron reunións ao longo dos últimos meses

Impulso ao proceso de relanzamento do Bloque, nas vésperas da XVI Asemblea Nacional deste marzo. A Fronte Obreira Galega vaise integrar na organización frontista, segundo acaba de anunciar esta através dun comunicado de imprensa.

Ambas organizacións concordan "na necesidade de unidade de acción das forzas nacionalistas para avanzar cara unha Galiza soberana con organizacións propias".

Informa o BNG de que o protocolo de integración "recolle unha serie de principios compartidos, como a defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía do pobo galego, defensa dos dereitos sociais e económicos da clases populares, aposta pola igualdade de homes e mulleres, defensa dunha economía ao servizo do pobo que permita xerar riqueza e emprego e contar cos recursos suficientes para manter servizos públicos e sociais de calidade e universais".

A asinatura do protocolo de integración vai ter lugar ás 11.00 horas en Vigo na sede do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza.

A FOGA xa concorreu co BNG sob a fórmula técnica en coligazón nos procesos eleitorais ás Cortes Xerais do Estado de decembro de 2015 e xuño de 2016 e nas eleccións ao Parlamento da Galiza de setembro de 2016.

Comentarios