Os floteis de Pemex volven irromper nunha campaña electoral galega

O presidente de Barreras confirma que representantes da paraestatal mexicana están de camiño a Vigo. Nunha década destruíronse 8.000 empregos neste sector na Ría.

Feijóo e o director xeral de Pemex (Foto: Xunta)
photo_camera Feijóo e o director xeral de Pemex en 2012 (Foto: Xunta)

Os floteis de Pemex volverán ter protagonismo nunha campaña electoral galega. Após protagonizar a do 2012 con aquel anuncio de Feijóo publicitado a “bombo e platillo” por medios públicos e privados como o maná para o naval galego, semella que nesta de 2016 estas embarcacións tamén van ter o seu papel electoral. O flotel que constrúe o estaleiro de Hijos de Barreras vai ser entregado en breve e estamos ás portas da campaña electoral 'oficial'. O presidente do estaleiro, José García Costas, confirmou que responsábeis de PMI, a filial de Pemex, desprázanse a Vigo para estar presentes no acto formal de entrega deste buque. Unha entrega que é inminente.

Nun principio, o presidente anunciara en 2012 un principio de acordo con Pemex polo que esta petroleira ía construír en asteleiros de Galiza sete remolcadores e outros sete ían facerse en base a un convenio entre empresas galegas e mexicanas. Ïan garantir en Galiza máis de 3.000 empregos. Finalmente foron só 2 floteis e a compra, iso si, de boa parte das accións de Barreras.

Os grandes estaleiros vigueses están en devalo a respeito de como comezou este século. Barreras, que no 2000 sumaba perto de 2.400 traballadores entre persoal propio e auxiliares. Hoxe en día son 452. Como carga de traballo, un flotel para Pemex a entregar este verán. Vulcano, que comezou o século con máis de mil operarios (entre persoal propio e auxiliares, lembremos) non chega agora aos 100. De 1.000 a 100 en pouco máis dunha década. Non ten na actualidade carga de traballo. O que ten é un ERE. E van 12

Esta tendencia repítese en todos os estaleiros. Metalships (antes Ascón) ten agora 157 persoas no cadro de persoal. Como carga de traballo, algunha reparación. No 2000 eran máis de 2.500 os operarios que tiñan traballo relacionado con este estaleiro. A lista segue: Freire, Armón... en todos eles se perderon empregos.

Máis novidades en campaña

Non sería esta a única novidade a ver co naval en campaña electoral. Hai riuxes-ruxes de que en breve haberá un importante anuncio a respecto de contratos con Navantia feitos por un país das antípodas. 

Comentarios