Fiscalía pide ante o TSXG a imputación da deputada do PP Marisol Piñeiro

Aprecia “indicios racionais de criminalidade” por contratar a dedo a unha traballadora durante a súa etapa no concello de Carnota, onde foi tenente de alcalde. O rexedor nesa etapa, José Oreiro, tamén podería ter que sentarse ante o xuíz após unha demanda que impulsou o actual goberno nacionalista da vila costeira.

María Soledad Piñeiro-crop
photo_camera Marisol PIñeiro, deputada do PP.

Crece a lista de frontes xudiciais para o PP galego. Neste caso en Carnota, onde segundo informa o BNG, o fiscal apreciou “indicios racionais de criminalidade suficientes para xustificar unha imputación contra Marisol Piñeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)”, por ter contratado a dedo unha asesora do alcalde pouco despois de conseguir o PP o goberno de Carnota no 2007. Curiosamente a agora deputada do PP no Hórreo, daquela tenente de alcalde, foi implicada polo propio denunciado José Oreiro, ex-alcalde por ser ela quen asinou o contrato presuntamente fraudulento, a pesar de que Marisol tentou desvincularse dunha decisión “que ela non adoptou”, segundo asegurou nun escrito no que ademais bota a culpa da súa imputación a que é deputada do PP no Parlamento.

 

A Fiscalía ve claro que o PP de Carnota mentiu no obxecto desa contratación, saltouse os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxectividade na contratación e que ambos @s implicad@s mentiron ante o xuíz ao asegurarlle que manexaron o currículo de vari@s aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Este extremo foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningún currículo ao concello.

 

A posíbel imputación de Marisol Piñeiro tería a súa orixe nunha denuncia do actual goberno local de Carnota, do BNG e podería supoñer a súa inhabilitacións en caso de ser condenada, mais primeira haberá que ver como reacciona Núñez Feijóo, que adoita manter no seu posto a imputad@s, se ben di que lles pide que deixen a acta cando son chamados a declarar, como pode ser este o caso.

Comentarios