A Fiscalía pide prisión para dous ex alcaldes do PP de Nigrán por amañar o contrato do lixo a cambio de diñeiro

A Fiscalía pide penas de prisión, inhabilitación e multas para dous ex alcaldes e un ex concelleiro de Nigrán, Alfredo Rodríguez Millares (PP), Avelino Fernández Alonso (PP) e Antonio Fernández Comesaña (Unión Centrista de Nigrán), por amañar supostamente a adxudicación do contrato de recollida de lixo e limpeza, a cambio de 'mordidas'.

Alfredo García, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Alfredo García, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)

O xuízo contra este tres procesados e outros seis acusados (entre eles a muller de Antonio Fernández, dous funcionarios, o delegado da concesionaria Cespa e dous técnicos) estaba sinalado na sala do Penal 2 de Vigo, para decorrer entre o 26 e o 30 de setembro, pero foi suspendido porque a maxistrada declarou a falta de competencia obxectiva.

Así, na quinta feira notificouse un auto no que a titular desa sala do Penal, após recibir escrito da Fiscalía, acordou declarar a falta de competencia e remitir as actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, o entón rexedor de Nigrán, Alfredo Rodríguez, Avelino Fernández e Antonio Fernández acordaron amañararen a adxudicación do contrato do lixo.

Para iso, o alcalde sacou a concurso o servizo e el mesmo encargouse de tramitar o prego de condicións, dando apenas 30 días para a presentación de ofertas. Así mesmo, contratou unha consultora externa (cuxo enxeñeiro está tamén acusado) para que elaborase un informe que favorecese a adxudicación a Cespa.

O rexedor contou co apoio dos dous concelleiros, así como de dous funcionarios, un enxeñeiro municipal e un consultor para levar a cabo o seu propósito e, finalmente, o contrato adxudicouse a esta empresa.

A Fiscalía sostén que, a cambio, a concesionaria abonou ao alcalde 102.173,35 euros; outros 88.206,71 euros a Rodríguez Millares e 7.409 euros a Antonio Fernández. Ademais, Cespa alugou varios locais dos que eran copropietarios a muller de Antonio Fernández e dous funcionarios, e outra local propiedade de Avelino Fernández, por unhas rendas anuais "desproporcionadas".

Así, polos primeiros locais fixáronse rendas que sumaban 16.560 euros anuais durante 16 anos (aínda que os locais deixaron de usarse en 2011, seguiuse pagando o aluguer) e polo segundo local fixouse un aluguer anual de 57.696 euros.

Delitos e penas

Por estes feitos, o Ministerio Público considera os principais procesados autores dos delitos de prevaricación e suborno, mentres que o resto son acusados como cooperadores necesarios.

Así, pide inicialmente para Alfredo Rodríguez un ano de prisión, 10 anos de inhabilitación e multa de 50.000 euros; a mesma pena solicita para o que era delegado de Cespa; para Avelino Fernández solicita un ano de prisión e 5 anos de inhabilitación, e multa de 3.000 euros; e para Antonio Fernández, uns anos de prisión, 20 anos de inhabilitación e 4.000 euros de multa.

Comentarios