A Fiscalía de Contas ve indicios de cobros irregulares en catro concellos

A Fiscalía do Tribunal de Contas emitiu un informe no que conclúe que, "indiciariamente", pode existir "responsabilidade contábel" nalgúns dos supostos que denunciaba o Consello Galego de Contas nun informe feito público en marzo.
O director xeral de Simplificación Administrativa da Xunta, Jesús Oitavén. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O director xeral de Simplificación Administrativa da Xunta, Jesús Oitavén. (Foto: Xunta da Galiza)

A Fiscalía do Tribunal de Contas emitiu un informe no que conclúe que, "indiciariamente", pode existir "responsabilidade contábel" nalgúns dos supostos que denunciaba o Consello Galego de Contas nun informe feito público en marzo e que puña no foco o pago de dietas no Concello de Valga, que xa foi obxecto de polémica por esta cuestión noutras ocasións, así como nos de Catoira, Vilasantar e Trazo.

No caso de Valga, segundo o informe da Fiscalía de Contas, ponse en cuestión a percepción de dietas por "desprazamentos sen xustificar" abonados aos funcionarios que exercen a función de secretario e interventor no Consistorio.

A oposición en Valga denunciou reiteradamente supostas irregularidades no pago de dietas por parte do Goberno local e mesmo a situación estivo xudicializada. O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro (PP), ofreceu unha rolda de prensa, tras o último informe de Contas, na que lembraba que estas actuacións foran arquivadas.

Pouco despois ofrecía outra intervención pública na que esgrimía un informe de Contas que supostamente rectificaba a visión do órgano fiscalizador galego. Con todo, a oposición local denunciou que se trata dun documento non só referido a outra actuación senón que ten data previa ao documento que Contas fixo público a mediados do mes de marzo.

Ademais de poñer o foco en Valga, a Fiscalía de Contas tamén cre que se pode "derivar responsabilidade contábel" nos pagos de gastos de locomoción e por manutención "sen xustificar" nos Concellos de Catoira e Vilasantar, así como nas indemnizacións por razón de servizo e gastos por atencións protocolarias non xustificadas no Concello de Trazo.

No informe de Contas sinálase que, para a depuración das devanditas responsabilidades "goza de lexitimación o ministerio Fiscal", mais non sendo promovida neste caso a súa exixencia polo órgano fiscalizador, ponse o foco en que a administración local correspondente traslade o seu criterio respecto diso, "remitindo ao mesmo tempo os soportes documentais nos que se sustenta esta opinión".

Informe de contas

En concreto, o 16 de marzo, o Consello de Contas da Galiza publicou un informe de fiscalización sobre as percepcións económicas non salariais nas entidades locais, no cal pon en dúbida a xustificación de máis de 200.000 euros en dietas de cargos públicos e funcionarios de polo menos catro concellos galegos.

Contas asegura que tanto Trazo como Valga non responderon aos últimos requirimentos por este Consello, en relación con certos papeis solicitados. Con todo, hai grandes diferenzas entre as contías e os motivos polos que Contas cuestiona os gastos destes catro concellos. Neste sentido, a fiscalización de Vilasantar levouse a cabo a raíz de que o Pleno do Consello de Contas considerou conveniente este exame tras ser informado da falta da correcta xustificación das dietas e gastos de locomoción pagados desde novembro do 2017 a xaneiro de 2019.

Nas súas conclusións, o Consello explica que a contía percibida pola Alcaldía-Presidencia por estes gastos ascendía a máis de 7.740 euros, dos que uns 5.950 corresponden a gastos de locomoción. "A entidade contabiliza erroneamente os gastos de locomoción en concepto de dietas, cando estes deberían figurar en concepto de gastos de desprazamento e locomoción", explica no documento.

Ademais, non se xustifican os desprazamentos realizados. En cando aos servizos de restauración, non se identifica aos comensais ou se redundan en beneficio ou utilidade da Administración. Por todo iso, recomenda ao municipio que recolla de forma correcta estas operacións.

Catoira e Trazo

En canto a Catoira, Contas decidiu iniciar a súa fiscalización a raíz da detección de posíbeis irregularidades nas contías das dietas percibidas polo Goberno local desde o mes de setembro de 2018. Así, cuantifica que até 2021 o alcalde percibiu case 17.500 euros por diferentes gastos de locomoción e 14.000 euros en dietas. Ademais, uns 15.600 euros que cobrou pola súa asistencia diaria e desenvolvemento das funcións de Alcaldía-Presidencia polo que Contas considera que "terían que ser retribuídas polas percepcións salariais".

Pola súa parte, en Trazo o Consello de Contas comezou a súa fiscalización despois dun litixio nos tribunais por suposta malversación no Concello, que finalmente foi sobresido. Con todo, detectáronse máis de 87.000 euros en gastos incorridos polo alcalde entre 2014 e 2019 dos cales máis de 30.000 euros eran por dietas e uns 53.900 euros rexistráronse como gastos protocolarios. Destes últimos, case 37.000 euros destináronse a restauración.

"Os expedientes dos gastos por atencións protocolarias só conteñen os xustificantes de estabelecementos de restauración, sen que se acredite a necesidade do gasto e se identifiquen os comensais, moitos dos cales non reúnen os requisitos legais incluíndo a identificación do cliente, sen que se poida determinar se efectivamente os gastos se realizan con fins protocolarios ou representativos, a súa necesidade, e, en definitiva, se redundan en beneficio ou utilidade da Administración", explica Contas no informe, que recomenda ao municipio rexistrar os seus gastos conforme se recolle na lexislación.

Indemnizacións en Valga

En Valga, Contas comezou a súa fiscalización a partir de 2021 debido ás indemnizacións por razón de servizo percibidas polos habilitados estatais con nomeamento por acumulación no Concello, debido a que contan con outro posto noutra localidade e tamén nesta.

"As percepcións de dietas por desprazamento dos funcionarios con habilitación estatal ao Concello acumulado non están previstas no réxime xurídico aplicábel, nin a xustificación documental achegada pode considerarse como suficiente, motivo polo que non se considera suficientemente xustificada nin a percepción das dietas, nin a xustificación destas", indica Contas, que cifra en máis de 19.600 e case 20.700 euros o percibido polo interventor e o secretario, respectivamente, en gastos de desprazamento e manutención entre 2017 e 2021.

Así mesmo, o órgano fiscalizador galego tamén analizou os importes percibidos por sete edís por asistencia, que suman 87.440 euros entre xuño de 2017 e o 31 de decembro de 2021, observando que se "incumpriu" por parte do Concello a normativa "en varios aspectos". Precisamente en 2019 deuse carpetazo xudicial a unha denuncia contra o Goberno local pola cobranza de comisións ilegais.

A Xunta atribúe ao esquecemento a falta de contestación en Valga

O director xeral de Simplificación Administrativa da Xunta, Jesús Oitavén, sostivo que se o Concello de Valga non achegou a documentación ao último requirimento do Consello de Contas sobre a contabilidade municipal deberase a un "esquecemento".

Na Comisión Institucional do Parlamento, o deputado do BNG Luís Bará puxo encima da mesa as "irregularidades" detectadas nos concellos de Trazo, Vilasantar, Catoira e Valga, municipio este último no que puxo o foco. Neste sentido, censurou que o alcalde de Valga, José María Belo Maneiro (PP), mantivese "unha actitude un pouco retorcida e manipuladora" ao esgrimir un informe do Tribunal de Contas anterior ao que agora transcendeu e fixéseo para "atacar e insultar a outras forzas políticas".

Na réplica, o director xeral de Simplificación Administrativa apelou a que "non lle corresponde á Xunta velar polos acordos", senón "respectar a autonomía local" e dixo que "non se pode cualificar de obstrucionismo", ao seu entender, o feito de non contestar ao último requirimento de Contas. Sostivo, pois, que como se adoitan facer varios requirimentos, "neste caso esquecéronse de cumprir o último", polo que deu por feito que os anteriores se "cumpriron" todos.

Comentarios