O Fiscal Superior de Galiza esixe un “cambio de modelo” contra a corrupción

Carlos Varela volveu presentar no Parlamento o informe de 2013, que xa sinala un aumento dun 21 por cento dos casos de corrupción incoados, para os que solicita “máis medios técnicos e humanos”, así como un sección independente no Consello de Contas.  

photo_camera Carlos Varela

O Fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela, cre que "urxe un cambio de modelo" na Xustiza para “combater os delitos económicos e a corrupción”, que considera que pasar por outorgar “máis medios técnicos e humanos”, non que haxa uns claros criterios que asignen prioridades que colaboran coa axilización. Tamén solicitou "que se supere a decimonónica figura individual do xuíz de instrución" mediante "equipos de expertos cun xuíz de garantías e un fiscal investigador especializado e multidisciplinar, algo que xa está vixente na maioría dos países do mundo".

Así o afirmou Varela na súa intervención desta terza-feira no Parlamento galego para expoñer o informe da Fiscalía galega de 2013, con datos xa presentados o pasado mes de outubro, entre os que se atopa que os casos de corrupción aumentaron ata os 184 delitos incoados, o que supón un 21 por cento máis que en 2012. 

Na sesión da Cámara tomou a palabra polo PP Paula Prado, imputada pola Pokémon, que defendeu o labor da Xunta contra a corrupción

No seu discurso, no referente á corrupción o Fiscal sinalou que "un dos maiores problemas cos que se atopan "é a falta de vítimas concretas ou testemuñas”. Por iso, asegura que “calquera estratexia de prevención da corrupción pasa seriamente polo reforzo do estatuto profesional dos secretarios e interventores da Administración”. 

Varela tamén demandou unha sección anticorrupción independente dentro do Consello de Contas que coordine e controle as actuacións, “con medios humanos e materiais suficientes”. Respecto diso, subliñou que o poder político "ten a responsabilidade" de dotar os medios cos que opera a Xustiza.

Na sesión parlamentar, por parte do PP tomou a palabra a deputada Paula Prado, imputada no Caso Pokémon, que defendeu a acción da Xunta contra a presunta corrupción institucional. 

Comentarios