Morre Anxo Guerreiro, figura chave da historia do PCE e de EU en Galiza

Nado en Xermade en 1945, Geluco faleceu esta quinta feira aos 68 anos de idade

Anxel Guerreiro
photo_camera Anxel Guerreiro


"Ou hai unha alternativa de esquerdas, ou hai lei e orde e unha alternativa autoritaria". Nestes termos pronunciouse o analista político Anxo Guerreiro, Geluco, nunha das últimas entrevistas que se lle fixeron. Nado en Xermade en 1945, o que foi máximo dirixente do PCE na Galiza, cargo que compaxinou coa dirección xeral de Esquerda Unida desde 1986, finou esta quinta feira na súa casa, o mesmo día en que se fan 77 anos do levantamento fascista de 1936. Geluco tiña 68 anos.  

Entre 1981 e 1985 foi deputado no Parlamento de Galiza polo PCE. Porén, as súas discrepancias con Julio Anguita levárono a separar a organización galega da federal creando Esquerda de Galicia, organización pola que se presentou ás eleccións galegas de 1997 en coligación do PSdG e foi escollido deputado, cargo no que permaneceu até o 2001. 

Nese ano, a formación socialista non quixo repetir pacto e Esquerda de Galicia concorreu en solitario aos comicios cun Anxo Guerreiro que se candidataba para presidir a Xunta. Os maos resultados obtidos levárono a demitir. EdG rematou por se disolver en 2002. 

Como representante do PCG, Guerreiro foi un dos membros da Comisión dos 16 que redactou o Estatuto de Autonomía galego. Xa retirado da política activa, en 2007 foi homenaxeado en Compostela nun acto organizado pola Fundación 10 de Marzo en que se deu conta do seu papel "na loita polas liberdades durante a ditadura e na consecución da autonomía para Galicia". Os últimos anos da súa vida profesional pasounos como analista político en medios como a televisión local de Compostela ou a Radio Galega. 

Comentarios