A Xunta destinará á Cidade da Cultura en 2016 case o duplo que ao idioma galego

O bosque que rodea esta infraestrutura no monte Gaiás recibirá máis cartos (450.000 euros) que o que se adica á edición de libro galego ou ao Museo do pobo Galego.

Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Museo na Cidade da Cultura

Xa presentados a grandes trazos os orzamentos da Xunta para 2016, están estes a ser días de actividade das comisións parlamentares na Cámara do Hórreo para ir debullando e debatendo as contas que lle corresponden aos diferentes departamentos do goberno de Núñez Feijóo. Unha desas comisións foi a de Cultura, na que o conselleiro defendeu os orzamentos como na boa liña para os obxectivos a cumprir. Mais non son da mesma visión os grupos da oposición (BNG, AGE e PSdeG), que coincidiron en criticar que nas contas se prioricen determinados campos.

A Fundación da Cidade da Cultura absorbe 11,4 millóns de euros, case o duplo do que se destina á lingua galega (6,7)

Así, desde o BNG consideran que son “raquíticos para a cultura galega”. O deputado Cosme Pombo afirmou que a partida dedicada á Fundación da Cidade da Cultura, 11,4 millóns de euros, representa “un volume de gasto desproporcionado” tendo en conta que resulta ser o duplo do que a consellería dedica a defender e fomentar a lingua galega (6.756.000 euros). O Bosque de Galiza -bosque que rodea a Cidade da Cultura- ten consignados 450.000 euros, mentres para a edición do libro galego hai 348.000 euros; bibliotecas de Galiza,160.000 euros; feiras do libro, 150.000 e para o Museo do Pobo Galego, 200.000 euros.

Ramón Vázquez, de AGE, afirmou que non hai sentido a que nestes orzamentos non houbese unha maior aposta na cultura e lingua galega. Vicente Docasar, do PsdeG, denunciou que con estes orzamentos “a nosa lingua e a nosa cultura da miseria e da irrelevancia orzamentaria”, xa que dende a chegada de Feijóo perdeu, dixo, un 56 por cento do seu orzamento, pasando do 1,2 do investimento ao 0,6 por cento que ten a día de hoxe. Docasar reclamou un “cambio de rumbo” na Consellería de Educación e Cultura para “demostrar o que aseguran de que a recuperación é un feito, que estamos nunha etapa expansiva”.

Comentarios