O BNG PROPóN UN SISTEMA DE CUPO

O financiamento gaña voz na precampaña: Galiza perdeu 8.464 millóns desde 2009

Desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento autonómico, aprobado en 2009, Galiza perdeu 8.464 millóns de euros. E isto malia que o Goberno central recada 3.000 millóns de euros anuais máis dos que inviste no país. Para acabar coa situación, o BNG, que organizou na mañá do sábado, un acto sobre financiamento, propón un sistema de cupo.

2
photo_camera Risco, Jorquera, Pontón e Callón

O BNG presentou a súa proposta de financiamento para Galiza na Coruña. Fíxoo diante da escultura en memoria de Alexandre Bóveda para lle recoñecer o seu traballo en defensa dunha facenda nacional propia. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, chamou a acabar “co falso mito, coa gran mentira de que somos un país subsidiado, cando é o contrario, somos solidarios co resto do Estado achegando máis do que recibimos”.

Pontón: “O Estado recada máis do que inviste e devólvenos recortes, paro, precariedade e emigración”

A portavoz nacional do Bloque, que estaba acompañada do portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, e de Carlos Callón e Isabel Risco, números 1 e 2 da candidatura do BNG-Nós, reivindicou unha mudanza do sistema, pois desde a entrada en vigor do actual sistema de financiamento autonómico, aprobado en 2009, Galiza perdeu 8.464 millóns de euros. “O Estado recada máis do que inviste e devólvenos recortes, paro, precariedade e emigración”, advertiu.

Ana Pontón explicou que a proposta do Bloque pasa por un sistema de cupo ou concerto económico, semellante ao modelo de Nafarroa ou Euskadi. En base a este sistema, a nacionalista puxo sobre a mesa tres grandes iniciativas: unha facenda propia que recade e xestione a totalidade dos impostos que pagan os galegos e galegas; capacidade normativa fiscal plena e unha banca pública que canalice o aforro.

As medidas: Acabar coas SICAV, imposto ás grandes fortunas, IRPF máis progresivo, loita contra a fraude e IVE súper reducido para bens de primeira necesidade e a cultura

Aliás, o modelo que propón o BNG contempla modificacións fiscais baixo a premisa da progresividade: “Que pague máis quen máis ten”, resumiu a portavoz nacional. Así, citou un imposto especial ás grandes fortunas persoais e empresariais; acabar coa fraude das SICAV; un IRPF máis progresivo; un IVE súper reducido do 4% para os bens de primeira necesidade e bens culturais e un plan de loita contra a fraude.

Francisco Jorquera interveu a continuación para expoñer que o sistema que defende o Bloque permitiría que todas as empresas que operan na Galiza tributen no país o Imposto de Sociedade. Cifrou en 1.000 millóns de euros máis ao ano o impacto positivo desta medida. “Recadaríamos e xestionaríamos todos os nosos ingresos e impostos e após faríamos contas co Goberno central”, subliñou.

“Dar a cara” por Galiza

Carlos Callón, cabeza de lista do BNG-Nós Candidatura Galega pola Coruña, tomou a palabra para reivindicar a necesidade de que Galiza “teña representación propia no Congreso, a través dunha candidatura do país, como van ter Euskadi e Catalunya, ou ninguén dará a cara por nós, como ficou demostrado estes meses de lexislatura fracasada”.

“Tratan os nosos recursos fiscais e financeiros como se fose un botín para repartir entre uns cantos”, denunciou Callón, quen apuntou que a representación do BNG-Nós “servirá para termos voz e veto en Madrid”.

Comentarios