A finais de febreiro, a militancia de Anova decidirá en referendo as alianzas para Europa

A última palabra vana ter as e os militantes de Anova, en plena crise interna que até, en palabras de Beiras, ameaza a propia existencia da organización. Unha Conferencia Nacional, axendada o 2 de febreiro, aprobará o programa.

anova
photo_camera Aspecto da reunión da Coordenadora Nacional de Anova

Anova comunicou este sábado, ao termo da reunión da súa Coordenadora Nacional, que a finais de febreiro realizará un referendo, aberto a toda a súa militancia, para resolver como e con quen concorrerá a organización ás eleccións europeas.

A afiliación, informa Anova, tamén terá a oportunidade de se pronunciar directamente o 2 de Febreiro sobre o documento programático para as europeas, ao que as asembleas territoriais teñen achegado máis de medio de cento de emendas.

A Coordenadora Nacional de Anova ha fixar nunha nova xunta ad hoc "as normas e calendario do referendo sobre o xeito concreto de alianzas para concorrer ás eleccións europeas".

Asemblea de críticos

Mas a atención da militancia de Anova estará este domingo voltada para Santiago de Compostela, onde se vai realizar unha asemblea do sector crítico, o liderado polo demisionario coordenador xeral Martiño Noriega.

O sector crítico é partidario de confluír nunha alianza estratéxica con Esquerda Unida, para constituír en última instancia unha organización política de novo tipo que sexa en Galiza o referente do que chaman a "esquerda rupturista". Sería unha réplica galega de Iniciativa per Catalunya.

En principio, a maioría de Anova non está nesa liña, senón que defenden os postulados aprobados pola I Asemblea Nacional da organización. Neles se antepuña a calquera nova achega a EU o reforzamento da persoalidade propia de Anova como formación nacionalista. E na política de alianzas se propuña unha sorte de "xeometría variábel", isto é, liberdade á hora de escoller socio en cada unha das convocatorias eleitorais.

A fotografía está tirada do web de Anova.

Comentarios