Editorial Sermos302: A ficción dos 100 mil militantes do PPdeG

41407184142_a18672c46f_z
photo_camera Acto do PP en Pontevedra, con Feixóo no medio

O éxito do PPdeG radica na súa capacidade para vivir das ficcións. A ficción do bilingüismo harmónico. A ficción da xestión aseada da economía. A ficción do seu líder que non sabía a que se dedicaba exactamente Marcial Dorado. A ficción dos floteis que nos ía encarregar Pemex. A ficción da transferencia da AP9. E a ficción dos 100 mil militantes. Un partido capilarmente incrustado no territorio, afiliadas en todos os cantos do país, unha mesta rede aquí e acolá, omnipresente e electoralmente imbatíbel: como derrotar un partido que xa de entrada conta no mínimo con 100 mil votos?

Mais ás veces acontece o inesperado, cae o pano e vemos o que hai entre bambalinas. A ficción esmeradamente construída durante anos co apoio inestimábel dos meios amigos fica ao descuberto. E daquela vemos con toda clareza que non, que non son 100 mil, que en realidade no primeiro congreso aberto do partido apenas teñen dereito a participar 4 mil, ou sexa, o 4 por cento. Cando un partido mente tan descaradamente sobre a súa afiliación real —de 100 a 4— é cuestión de tempo que todo o que diga sexa tido como pura fantasía pola opinión pública.

Celebremos pois á caída desta ficción, deste mito. Vaiamos a polos outros.

Comentarios