28-M

Ferrol en Común exixe decidir "colectivamente" o futuro do Sánchez Aguilera

O candidato á Alcaldía por esta formación, Jorge Suárez, recibe o responsábel estatal de Economía de Izquierda Unida, o ex concelleiro en Madrid Carlos Sánchez Mato, quen tamén se reuniu con Rubén Pérez, de Podemos-Marea de Vigo, na súa visita á Galiza para apoiar as candidaturas nas que concorre IU.
Visita de Ferrol en Común ao cuartel de Sánchez Aguilera. (Foto: FeC)
photo_camera Visita de Ferrol en Común ao cuartel de Sánchez Aguilera. (Foto: FeC)

O candidato de Ferrol en Común á Alcaldía deste municipio, Jorge Suárez, percorreu na mañá desta cuarta feira, canda outras persoas que integran a súa lista, o interior do cuartel de Sánchez Aguilera para reivindicar que se decida "colectivamente" o seu futuro. No encontro participou tamén o responsábel de Economía de Izquierda Unida a nivel estatal, Carlos Sánchez Mato, quen "compartiu a súa experiencia política e plena disposición".

Unha vez rematado o percorrido, o que fora concelleiro de Facenda de Madrid con Manuela Carmena —e en 2019 o seu rival nas urnas— salientou que os 90.000 metros cadrados de Sánchez Aguilera "son un expoñente do mal uso do patrimonio público, neste caso por parte do Ministerio de Defensa, e da enorme potencialidade que teñen estes terreos dentro dunha utilización adecuada coa que mellorar a vida dos ferroláns e ferrolás".

"É necesario evitar que o control deste espazo siga en máns do Ministerio de Defensa e ten que estar a disposición do Concello de Ferrol para que neste caso, Jorge Suárez, que xa pensou no pasado os seus usos, poida agora polos en marcha", engadiu.

Pola súa parte, Suárez lamentou que "máis de 20% do solo está ocupado por Defensa e está a tratarnos coma se fósemos un comprador máis, levando a cabo unha operación de especulación privada na que a cidadanía queda nun segundo plano".

"Desde o primeiro momento xa dixemos que o Sánchez Aguilera ten que ter un uso participado, preguntándolle aos veciños e veciñas que queren facer cos 90.000 metros cadrados e entre todos e todas decidiremos o futuro deste espazo que pasa por zonas verdes, edificios dotacionais coma a sede xudicial ou o edificio universitario", precisou.

Sánchez Mato, en Vigo

Previamente, na súa visita á Galiza, Sánchez Mato visitou esta terza feira Vigo para reunirse cos candidatos e candidatas da Marea que lidera Rubén Pérez, unha xuntanza na que as forzas de esquerda apostaron por recuperar os "servizos públicos municipales privatizados", como a empresa de xestión da auga. Tamén chamaron a avanzar na "remunicipalización de Vitrasa".

Aliás, en declaracións desde a rúa Privada Moderna do Calvario vigués, demandaron que estas vivendas propiedade da Sareb —cuestión da que xa informara en marzo Nós Diario— sexan rehabilitadas e cedidas ao Concello de Vigo.

Comentarios