ANÁLISE

Ferrol, a cidade da oportunidade única

Máis unha entrega da análise sobre a situación política nas cidades e as perspectivas electorais de cara ao mes de maio. Neste caso, poñemos o foco en Ferrol, cidade onde nunca recuncou un alcalde. Todo apunta a que historia voltará a repetirse, pois as posibilidades de que o actual rexedor, Jorge Suárez (Ferrol en Común) repita no cargo son remotas debido ás feblezas do seu Goberno e á división do que se deu en chamar confluencia. Eis un extracto da análise publicada no número 332 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Cedida] Sesión plenaria en Ferrol
photo_camera [Imaxe: Cedida] Sesión plenaria en Ferrol

3O caso de Ferrol é único en Galiza. Existen diversos motivos que fan da sétima cidade do país en poboación unha praza peculiar e con serias dificultades para reverter o seu incuestionábel deterioro. O devalo demográfico non ten parangón no país; a histórica presenza militar condiciona a súa propia configuración sociolóxica; a dependencia do Estado no que respecta ao seu sector estratéxico limitou a súa capacidade para se diversificar no plano económico e o crónico déficit de infraestruturas de comunicación ten aínda cuestións urxentes por resolver (un acceso ferroviario de comezos do século XX).

Estas circunstancias, e algunhas outras, proxéctanse tamén na súa gobernabilidade. Un dato ilustra esta teoría, aceptada de xeito maioritario: ningún alcalde ten recuncado no posto dous mandatos, aínda que gañara as eleccións, desde os anos 80. A historia, e tamén a lóxica demoscópica, fai presaxiar que tampouco acontecerá nos comicios do vindeiro 26 de maio.

A febleza do actual goberno en minoría de Ferrol en Común (FeC), un heteroxéneo conglomerado formado por Esquerda Unida, Anova e inscritos de Podemos liderado por Jorge Suárez, fai do ex conselleiro de Política Social José Manuel Rei Varela, un dos homes de confianza do presidente da Xunta, o principal candidato para recuperar o bastón de mando que perdera, canda a súa maioría absoluta, en maio de 2015. De feito, o político ferrolán pode presumir de ter obtido os mellores resultados do Partido Popular na cidade desde as primeiras eleccións municipais: maioría absoluta en 2011 (13 de 25 concelleiros e concelleiras que forman a corporación ferrolá) e gañador en 2015 con 11 edís, cinco máis que a segunda opción, FeC, que finalmente, grazas ao apoio do PSdeG (5) nun pacto que resultou ser o segundo máis breve da democracia en Ferrol (o primeiro tivo tamén o PSOE e IU como protagonistas) e os dous votos do BNG na sesión de investidura, levaron Rei Varela á bancada da oposición, na que apenas duraría uns meses, xusto até que Núñez Feixoo o chamou para dirixir a, daquela, recentemente creada Consellaría de Política Social.

Ás dificultades do goberno bipartito FeC-PSdeG –con 11 edís igualaban os que conseguira por si mesmo o Partido Popular– uníronse os desencontros que desembocarían na ruptura do pacto en setembro de 2016, despois de que o rexedor rexeitase retirarlle as competencias a unha das persoas independentes que integraban a lista dos socialistas, a edil de Urbanismo María Fernández Lemos. Outra concelleira socialista, Rosa Méndez, responsábel de Patrimonio, decidiu tamén seguir como membro do grupo de goberno malia as presións que recibiu da asemblea socialista local, en mans da ex deputada Beatriz Sestayo, quen as acusou de tránsfugas. Meses despois, unha das concelleiras de FeC, Esther Leira, decidía abandonar o goberno e pasar a ser non adscrita por fortes discrepancias con Suárez.

[Podes ler a análise no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios