Sesión de control

Ferroatlántica segrega os negocios de ferroaleación e hidroeléctricas

Así figura no Boletín oficial do Rexistro Mercantil. En Marea e BNG volven instar o presidente a que rexeite a petición do grupo de Villar-Mir.  “Non presionen un goberno que vai cumprir a lei”, pediu Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.

O boletín oficial do Rexistro Mercantil recolle a decisión do Grupo Ferroatlántica de segregar o seu grupo en dous, ferrioaleacións e xeración eléctrica, un movemento co que o grupo de Villar Mir amosa a súa confianza en obter o visto bo da Xunta á súa petición de segregación. No propio boletín recóllese que esta segregación fica supeditada á autorización da administración galega. O portavoz de En Marea, Luis Villares, preguntou a Núñez Feijóo na sesión de control parlamentar sobre esa separación no Rexistro Mercantil. “Dame igual o que poña o boletín oficial do rexistro mercantil”, respondeu o presidente, “o importante é o que diga a Xunta”.

Con anterioridade, Ana Pontón (BNG), preguntara por terceira vez a Feijóo polo futuro de Ferroatlántica, cuxos traballadores seguían a comparecencia desde o pleno do Parlamento. A portavoz nacionalista lembrou que era a terceira vez que Villar Mir “tenta cometer un pelotazo” na Costa da Morte e instou o presidente a “non ceder á chantaxe e non traizoar os traballadores”. Pontón sinalou quer Galiza “non está para pagar os favores que Villar Mir poida deber ao seu partido”, referíndose así á imputación do empresario polo financiamento ilegal do PP. Un empresario que, engadiu, acumula incumprimentos para coas empresas que ten na Costa da Morte: “prometeu hai 10 anos un novo forno e aínda están agardar por el; non investiu en modernizar malia os millóns que gañou con estas empresas”.

Feijóo presentouse como “garante da lei e empregos de Ferrolterra” e asegurou que a decisión do goberno galego vaise basear en tres criterios: a lei, o interese público e o emprego. Chamou a oposición a “non presionar” o goberno e acusou o BNG de facer “demagoxia” mentres que o executivo galego actúa con “rigor”.

AP9

O traspaso da AP9 foi o outro tema que se tratou na sesión de control. Leiceaga (portavoz do PSdG) denunciou a actitude submisa de Feijóo perante un goberno central que por activa e pasiva indica que non está disposto a permitir o traspaso desta infraestrutura a Galiza. Ao que engadiu que mantiña esa mesma actitude perante os retrasos do AVE.

Comentarios