Ferrín di que o TOP franquista o xulgou a el con máis garantías que o aparato da Marea a Quinteiro

O debate na Marea -interno e externo- está a piques de chegar a un ponto de non retorno. Esta segunda feira, Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos referentes históricos da FPG, na súa colaboración semanal no Faro de Vigo, cruza algunhas liñas vermellas ao chamar "dereita galeguista" ao grupo de Luís Villares -hexemónico na dirección da confluencia- e ao comparala coa escisión do Partido Galeguista que non quixo engrosar a Frente Popular en 1936.

Xosé Luis Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luis Méndez Ferrín

Munición de groso calibre é a que utiliza Méndez Ferrín nun artigo intitulado Láncara, en que saúda o nacimento do think tank do mesmo nome que se acaba de criar por volta da Anova de Beiras. O veterano escritor contextualiza o aparecimento deste obradoiro de ideas -ve nel "as luces da intelixencia crítica"- nun momento en que se estaría a producir o "asalto ao poder" de En Marea por parte da "dereita galeguista", operación lanzada pola "dirección visíbel de Villares e a oculta de toupeiras históricas", unha alusión que apunta a figuras como Mario López Rico e Luís Eyre Palleiro.

"Vén Lancara cando En Maré é atacada sen trégos por todos os medios de comunicación, e outros, do réxime cuxa constitución non votamos as galegas e os galegos", escribe Méndez Ferrín, quen sitúa nesa campaña -dirixida supostamente a conseguir que o 'neorrexionalismo' sexa hexemónico na confluencia- o "intento de purga a Paula Quinteiro".

Ferrín dirixe durísimas críticas ao proceso interno aberto polo Consello da Marea -unha consulta en que tomou parte 40 por cento das persoas inscritas- á parlamentar de Podemos-Anticapitalistas. "Eu creo que tiven máis garantías procesais cando me xusgou o TOP [Tribunal de Orde Pública, unha corte de excepción durante a ditadura franquista] que Quinteiro tivo cando a dereita galeguista pretendeu apartala do parlamentiño dun cachete". "Pretendeu sen conseguilo; tamén é certo", acrecentou.

O referente histórico da FPG equipara a corrente villarista á "Dereita Galeguista de 1936" [a que se escindiu do Partido Galeguista por non apoiar a candidatura da Frente Popular] e "tamén o piñeirismo que intentou sepultar o Consello da Mocedade en 1963". O autor de Arraianos ve neste momento a cúpula da confluencia galega en mans de "galeguistas que non queren unirse de ningún xeito ás esquerdas (ás independentistas galegas e ás de dirección española)".

Comentarios