Ferreiro, preocupado por que as diferenzas co PSOE lastren as opción dunha alternativa ao PP

O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, dixo estar “preocupado” por como poden afectar as diferenzas entre o PSOE e os Gobernos das Mareas á confianza dos electores e electoras nun pacto para a Xunta.

Xulio Ferreiro
photo_camera Xulio Ferreiro

Ferreiro sinalou nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser que se non dan “a imaxe de que somos quen de entendernos, desde posicións diversas pero con valores compartidos en moitos casos” iso pode “entorpecer un acordo nas autonómicas e nas xerais”.

"A xente ten que ver que nos podemos entender e que podemos chegar a acordos sen espectáculos pouco edificantes"

“A xente ten que ver que nos podemos entender e que podemos chegar a acordos sen espectáculos pouco edificantes como os que dá moitas veces o grupo socialista na Coruña, onde non se sabe moi ben que quere ou para que esixe determinadas cousas”, afirmou.

Descártase como candidato á Xunta

A respeito de se se ve candidato da coligazón que se artelle arredor de En Marea á presidencia da Xunta, chanceou sobre a cantidade de veces que lle formularon esa pregunta. Admitiu sentirse “moi honrado e halagado” por pensarse nel como cabeza de lista, mais descartouno.

“Non teño aspiracións políticas persoais que cubrir e hai xente de sobra neste país para o facer extremadamente ben como presidente ou presidenta da Xunta”

“Adquirín un compromiso por catro anos con esta cidade e estou encantado de ser o alcalde da Coruña. É unha ilusión, un orgullo, unha alegría…”. Engadiu que “non sería serio” e “tería pouco de nova política” empregar “como trampolín” un cargo no que só leva un ano. “Non teño aspiracións políticas persoais que cubrir e hai xente de sobra neste país para o facer extremadamente ben como presidente ou presidenta da Xunta”.

Malia que a candidatura á Xunta que se configure arredor da marea careza de fórmula concreta e de candidatura, salientou que “o proceso está lanzado e hai que lle poñer as guindas. Para que os pratos saian ben, hai que cociñalos a lume lento”, algo que, baixo a súa opinión, “se demostrou tamén nas municipais”. “Os procesos con máis percorrido tiveron un maior éxito electoral e están máis fortes nas institución”, engadiu o alcalde coruñés.

Comentarios