En relación á candidatura galega para as eleccións xerais, Ferreiro considera que Podemos “é imprescindíbel nestes momentos pero non suficiente”. “Temos que ir máis alá”, apuntou o alcalde da Coruña nunha entrevista concedida a Europa Press. Para Ferreiro, cómpre ir “a unha fórmula ampla de unidade popular, desde abaixo, liderada pola cidadanía, sen que sexa un pacto de cúpulas de partido”.
Sobre o BNG, Xulio Ferreiro puxo de manifesto que “se quere entrar nos procesos de unidade ten que gañarse a confianza dos que xa estaban alí –nas municipais- non só dos partidos, senón da cidadanía organizada”. “Gostaría de escoitar máis palabras de inclusión e menos problemas”, engadiu ao respecto.
Para o alcalde da Coruña, a solución pasa por unha candidatura galega “liderada pola cidadanía” que abarque “máis alá” de Podemos. Precisamente sobre Podemos, avogou por que o proceso “tiver horizontalidade e ninguén o liderase”. No que respecta á unha candidatura encabezada por Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, Ferreiro cuestiona “construír a casa polo tellado”.