Ferreiro critica a Villares por mudar de aliados na confluencia, mais ve "moi lonxe" a ruptura

En Marea estaría a abandonar "o espírito da confluencia" nunha deriva cara á configuración dun "partido clásico", alertou Xulio Ferreiro este domingo.

Xulio Ferreiro
photo_camera Xulio Ferreiro

Propulsor no seu día da candidatura de Luís Villares, o alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, continúa a deitar críticas contra a xestión do ex xuíz como máximo dirixente, agora tamén orgánico, da confluencia.

Nunha entrevista na SER-Galiza, Ferreiro retomou o seu argumentario contra a nova maioría que dirixe En Marea e cuestionou directamente a mudanza de alianzas que levou Villares a se empoleirar na portavocía orgánica da confluencia (o ex xuíz rachou con boa parte de Máis Alá, a candidatura coa que concorreu nas primarias, para pactar coas listas Queremos Participar e Somos Quen).

Neste sentido, Ferreiro censurou que Villares decidise procurar apoios "en dúas listas máis pequenas" (dixo en relación a Queremos Participar e Somos Quen) para "sacar unha maioría", o que o tería levado a excluír sectores moi relevantes da confluencia, a comezar pola propia Marea Atlántica.

Explicou Ferreiro que a dialéctica interna en En Marea non pivota tanto sobre a cuestión de quen debe ostentar a portavocía orgánica, senón que remite para o tipo de organización que a confluencia debe acabar sendo e, destarte, identificou "dúas formas de entender o papel que debe ocupar En Marea no espazo político galego".

A equipa de Villares personificaría, sempre segundo visión de Xulio Ferreiro, un estilo de facer política máis ben tradicional ou clásico, afastado das políticas de ruptura que el e outros sectores -a Anova oficial, o Podemos crítico con Carmen Santos, Esquerda Unida- preconizarían.

Esta dialéctica aboca En Marea á ruptura no plenario axendado para o mes de xullo? A xuízo do líder de Marea Atlántica, non. A ruptura estaría "moi lonxe" e o plenario (asemblea) deste verán debería procurar "unha liña clara que non desoriente" a base social e eleitoral da confluencia, defendeu. 

"Hai que procurar unha solución porque non ten sentido construír a organización contra amplos espectros da sociedade e contra as sensibilidades que están a dar máis frescura e máis ilusión a moitos proxectos municipais e formas de facer política", dixo.

Comentarios