CIMEIRA A POUCOS DíAS DO COMEZO DA CAMPAñA

Ferreiro cifra en "300 ou 400 euros" o custo para as arcas coruñesas do acto dos alcaldes "rebeldes"

"Uns cafés e un billete de tren". Iso foi máis o menos o que lle custou á facenda do Concello da Coruña a realización da cimeira de alcaldes "rebeldes" de todo o Estado, decorrida esta fin de semana na cidade.

Acto Mareas Cidades Ben Común
photo_camera Foto: Marea Atlántica

A realización dunha cimeira dos alcaldes que se autodenominan como rebeldes na Coruña a poucos días do comezo da campaña saldouse con críticas por parte da oposición, que foron especialmente duras no caso do Partido Popular. Con efeito, o vicepresidente da Xunta avanzou que o grupo municipal conservador "solicitará dados" no concello sobre os gastos no que tivese incorrido a Administración coruñesa. "Xa veremos se iso que parece -que Podemos convida e os cidadáns pagan- realmente é así. Se fose así, o PP exercería as accións correspondentes diante da xunta eleitoral".

Estas críticas de Rueda ao hipotético uso partidista e eleitoralista de fondos públicos a poucos días do comezo da campaña eleitoral foron contestadas polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, no programa "O Coruñés Opina" de Radio Coruña-SER.

Ferreiro: "Ter aquí 50 persoas traballando durante dous días eu creo que para as arcas municipais puderon ser 300 ou 400 euros"

"Ter aquí 50 persoas traballando durante dous días eu creo que para as arcas municipais puderon ser 300 ou 400 euros. Uns cafés e un billete de tren e xa está. Non houbo máis", dixo entre risos.

Ferreiro xustificou así o gasto no evento: "Non sei cando se deu unha reunión destas características na Coruña, cando se proxectou así Coruña a todo o Estado, cando as radios e as televisións estiveron pendentes do que estaba aquí pasando. Non sei cantas veces pasou isto na Coruña e por un prezo tan módico".

Na cimeira -denominada Encontro de Cidades polo Ben Común- estivo a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, non así a de Madrid, substituída pola porta-voz Rita Maestre. Canda elas, e para alén do anfitrión Ferreiro, participaron Martiño Noriega (Santiago), José María González ‘Kichi’ (Cádiz), Jorge Suárez (Ferrol), Pedro Santisteve (Zaragoza) e Joan Ribó (Valencia).

A Marea Atlántica enfatiza que o acto realizado o sábado en Palexco foi sufragado polos fondos propios desta plataforma cidadanista.

Comentarios