XULIO FERREIRO

Ferreiro, sobre a candidatura á Xunta: “Eu cando me apresentei ás eleccións non era coñecido”

O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, relativiza a importancia da escolla do candidato ou candidata á Presidencia da Xunta por parte da marea.

[Imaxe: Concello da Coruña] Xulio Ferreiro
photo_camera [Imaxe: Concello da Coruña] Xulio Ferreiro

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Xulio Ferreiro amosouse partidario de construír “desde abaixo” a candidatura coa que a marea concorra ás eleccións galegos. “As candidaturas terán que saír dun proceso democrático aberto. Haberá que ver que persoas están dispostas, cales reúnen as condicións e que persoas hai de consenso para que todos e todas se poidan sentir representadas”, apuntou.

Admitiu que “todos temos nomes na cabeza”, mais relativizou a escolla do candidato ou candidata “nun proceso coma o noso”. Así, puxo como exemplo o seu caso: “apresenteime a unhas eleccións sen que ninguén me coñecese”. Afirmou que se é hoxe alcalde é grazas ao “proceso que había detrás”. “Na Marea Atlántica hai un ano non me coñecía ninguén. Era unha persoa relativamente descoñecida que puido ser alcalde desta cidade porque había un proceso colectivo potente detrás”, salientou.

Neste sentido, advertiu de que o importante é que “o proceso se visualice como colectivo, de voces corais”. “Hai moita xente preparada para asumir responsabilidades e para levar a cabo unha política diferente e honesta... As persoas concretas son o de menos”, engadiu.

Comentarios