Ferreiro abócase a unha cuestión de confianza após embarrancar as conversas co PSOE

Racharon as negociacións entre a Marea Atlántica e o grupo municipal do PSOE. ""O PSOE quebrou o clima de confianza dando por fechado un acordo que non estaba fechado", dixeron fontes de María Pita a Europa Press. Ferreiro abócase agora a unha cuestión de confianza.

Pleno Orzamentos A Coruña

Dos 27 escanos do Palacio de María Pita, Marea Atlántica ten 10. Se a cuestión de confianza non prospera nun primeiro pleno, abriríase un prazo dun mes para a oposición apresentar unha moción de censura con candidato alternativo. De non o facer, a cuestión de confianza entenderíase por outorgada e os orzamentos a ela vinculados serían aprobados automaticamente.

A rotura da negociación produciuse contra prognóstico, despois de que durante a cuarta feira delegacións de Marea Atlántica e PSdeG-PSOE mantivesen unha longa reunión de 6 horas que en teoría achegou as posicións de ambas partes.

Marea e PSOE terían acordado a xestión por parte de concelleiros do grupo municipal socialista de proxectos do goberno municipal sen que isto implicase en principio a súa entrada no executivo local.

Esta mesma mañá, o PSOE dixo á imprensa que se acadara un "principio de acordo".

Por que racharon as conversas?

Marea Atlántica aduce que o PSOE utilizou as redes sociais para anunciar que xeriría proxectos por valor de 14,5 millóns de euros (cando en realidade o acordo era só por importe de 1,5 millóns). Os socialistas terían dito tamén que serían catro concelleiros seus os que xestionarían os proxectos -coxestionaría, matiza a equipa de Ferreiro- , o que, segundo o goberno local, sería faltar á verdade, pois o pactado sería que só fosen tres edís. Os termos en que o grupo socialista tería trasladado á opinión pública os termos do acordo estaría na xénese da rotura do "clima de confianza", segundo fontes do gabinete de Ferreiro.

Hai un problema a maiores: entre as persoas que propón o PSOE para a xestión destes proxectos figura unha concelleira, Mar Barcón, cun perfíl que a Marea Atlántica, pensando nas súas bases, considera inasumíbel. Porén, Xulio Ferreiro negou esta quinta feira que a súa organización fose interpor vetos a ninguén e alegou que o único relevante era "atopar as persoas adecuadas".

O PSOE, pola súa parte, di non entender a reacción da Marea Atlántica e que non se moveu das posicións mantidas na reunión de onte.

Comentarios