Fernando Blanco: “A xustiza chega tarde”

O ex conselleiro e ex deputado do BNG pide, após o arquivamento da causa contra el tras 8 anos de proceso, afrontar mudanzas “a nivel xudicial e político” que eviten procesos tan alongados e o recurso á xustiza para cuestións políticas. “En termos políticos estiven 8 anos inhabilitado”, embora a súa inocencia.

fernando blanco pérez lema evaristo nogueira
photo_camera Fernando Blanco, no medio da imaxe, entre os seus avogados: Evaristo Nogeuria e Pérez Lema. Foto: Uxía Castro

“Eu cando empezou isto pensei que se resolvería en 6 ou 8 meses”, afirma Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria no goberno bipartito e ex deputado do BNG. Branco decidiu demitir (“foi unha decisión persoal e en contra do que pensaban moitos compañeiros, incluído o portavoz nacional do BNG naquel altura”) a raíz da causa aberta contra el polas acusacións do empresario Jorge Dorribo. Oito anos despois, a Audiencia de Lugo arquivou esa causa por considerar que as acusacións do empresario carecían de credibilidade e que en ningún momento foran demostradas.

“A xustiza chega tarde”, lamentou Blanco esta terza feira nunha comparecencia de imprensa en Compostela, acompañado dos seus avogados, Evaristo Nogueira e Xoán Antón Pérez Lema. O ex conselleiro nacionalista considera que “corresponde ao propio poder xudicial” abrir unha reflexión e “actuar” para “evitar que este tipo de situacións volvan acontecer”: 8 anos de proceso.

Colaboración

Blanco agradeceu o apoio ao longo destes anos da familia, amizades “e do Bloque” e a preguntas de se ía pedir algún tipo de resarcimento respondeu cun simple: “Que isto non volva suceder”.

Durante estes anos déronse situacións reprobábeis, dixo: “Houbo xornalistas que xogaban a ser xuíces e xuíces que xogaban a ser xornalistas”. “Un medio de comunicación vendía o segredo de sumario a tres euros”, engadiu. Exemplos dun proceso que tivo consecuencias persoais e políticas para el. “Alterou a miña vida e a da miña familia” e “tivo un custo político importante”.

“En termos políticos estiven 8 anos inhabilitado”.

A preguntas das e dos xornalistas sobre se volvía á area política, desbotou esa carta: “Todo na vida ten unha época”. Lembrou que sendo deputado na oposición foi quen de sacar adiante unha lei (a lei de caixas) ao atinxir o apoio do PP e PSdeG. “Iso creo que agora sería imposíbel”, dixo, para a seguir afirmar que vía unha “radicalización” que lle preocupaba, poñendo o exemplo o número 2 do PP, Teodoro Garcia Egea, e o seu ‘poema franquista’.

“Non había causa obxectiva para prolongar o proceso”

Os avogados de Fernando Blanco insistiron en que todo momento o seu defendido colaborou coa xustiza. Lembraron os numerosos informes de Axencia Tributaria, UDEF da Policía Nacional, etc… non atopaban ningún delito. “Non había causa obxectiva para prolongar a causa”, afirmou Pérez Lema. Que acusou o Ministerio Fiscal de “non ter o valor de recoñecer que a acusación non tiña por onde ir”.

 “Houbo xornalistas que xogaban a ser xuíces e xuíces que xogaban a ser xornalistas”

Evaristo Nogueira, de por parte, puxo Blanco como exemplo “dese delito que non figura no Código Penal: a pena de banco dos acusados”, que mantén o acusado longos anos nun proceso. Nogueira pediu tamén unha reflexión na esfera política: “É doado afundir politicamente a alguén” cando 90%, dixo, das querelas admitíanse en primeira instancia. Por iso, dixo, “hai que reflexionar se toda imputación debe implicar unha dimisión”.

O ex deputado nacionalista foi contundente a este respecto: “En termos políticos estiven 8 anos inhabilitado”.

Comentarios