Unha ducia de traballadores de Ence tenta agredir o alcalde de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra asegura que a “ocupación” da terceira planta do Consistorio estivo promovida “pola empresa e o PP”. A compañía nega as acusacións e Pontón pide a Feixoo que pare esta campaña contra Miguel Anxo Fernández Lores.

Traballadores de Ence no Concello de Pontevedra. (Foto: PP Pontevedra)
photo_camera Traballadores de Ence no Concello de Pontevedra. (Foto: PP Pontevedra)

O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou esta quinta feira que pasou “medo” pola súa “integridade física” ao ser ocupadas as dependencias de Alcaldía do edificio consistorial por unha decena de traballadores de Ence “enviados pola empresa e o PP”.

Fernández Lores está convencido de que o obxectivo das persoas que chegaron ao Concello era “agredir verbal e mesmo fisicamente” a quen estiveran nas instalacións, polo que agradeceu a intervención da Policía Local.

Segundo denunciou nunha rolda de prensa -que compartiu coa portavoz municipal, Anabel Gulías, e o tenente de alcalde, Agustín Fernández-, o seu coche si sufriu “agresións externas”.

No entanto, a súa principal preocupación foi que, segundo acusou, o voceiro do grupo do PP, Rafael Domínguez, estivo “un bo intre no recibidor da Alcaldía arengando ás persoas que a ocuparon”.

“Pontevedra é unha cidade tranquila, dinámica e un referente internacional desde o punto de vista do medio ambiente”, lamentou o alcalde, engadindo: “Pero desgraciadamente con dous defectos importantes”.

Así citou a presencia de Ence xunto á ría que, sempre segundo as súas palabras, “durante máis de 60 anos desde a súa implantación, utilizou a violencia, a chantaxe e todo tipo de extorsións e coaccións”. Tamén aludiu ao presidente da compañía, Ignacio de Colmenares, e ao PP, a quen culpa de utilizar “ameazas e violencia” contra o Concello.

O traballo vai continuar

Malia estes prexuízos dixo que o Goberno municipal vai “seguir loitando por conseguir unha Pontevedra cada vez máis referente internacional e recuperar a ría, que é o que demanda unha gran maioría de pontevedreses”.

Após os feitos, o portavoz socialista Agustín Fernández sinalou que o sucedido no Concello é "inadmisible nun país democrático", pois reprobou que se "tente secuestrar a un equipo de Goberno".

Ante as acusacións, Ence rexeitou as acusacións da Alcaldía e asegurou que está aberta ao diálogo.

Como consecuencia da tensión que se viviu na cidade, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que “non deixe pasar nin un minuto máis para condenar uns feitos que son graves”. Igualmente, instouno a pór freo a “unha campaña que xa excedeu todas as liñas vermellas da democracia”.

Comentarios