Fernández Davila agarda "cambios profundos na dirección", na Asemblea nacional do BNG

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, asegurou que a Asemblea nacional que o Bloque celebrará en marzo debe servir "á unidade do nacionalismo".

A representante nacionalista no Congreso español falou esta terza feira na Radio Galega a respecto do conclave que a organización frontista celebrará o vindeiro 17 de marzo. Neste senso, Fernández Davila advogou por que a Asemblea promova "cambios profundos entre as persoas que conforman a dirección do BNG". Aliás, a deputada do Bloque asegurou que --malia non ter ningún candidato en mente "nin preferencias"-- aposta por unha "fonda renovación" na portavocía nacional após Guillerme Vázquez ter anunciado que non concorrerá á re-elección.

Olaia Fernández Davila salientou que a Asemblea nacional da organización frontista debe servir de impulso "á unidade do nacionalismo", ao tempo que contribuír para a mellora dos mecanismos de funcionamento da formación en aras dunha "mellor comunicación coa cidadanía", cuestión que está a centrar os procesos de debate e reflexión interna do BNG, segundo afirmou, entre outr@s, o propio voceiro nacional.

A deputada nacionalista enfatizou que a súa vontade é a de xerar "máis espazos de debate" na formación e expresou que, malia ter gozado "de liberdade de expresión", acrecentou que "gostaría de ter máis espazo de debate para a expresar mellor".

Comentarios