Fernández Currás, ex-conselleira de Feijóo, négase a comparecer na comisión das caixas

A que foi máxima responsábel da Facenda autonómica durante a fusión e que agora é Secretaria de Estado de Orzamentos argumenta que ten que manter en secreto o que coñece sobre as desfeitas bancarias

Marta Fernández Currás, ex-conselleira de Facenda
photo_camera Marta Fernández Currás, ex-conselleira de Facenda

Núñez Feijóo elixiu para o seu primeiro equipo de Goberno na Xunta a persoas que unha vez chegan a Madrid néganse a colaborar coa cámara de representación galega.

Eis o caso da Secretaria de Estado de Orzamentos e conselleira de Facenda en San Caetano durante a fusión de Caixa Galicia e Caixa Nova, Marta Fernández Currás, que faltará á súa cita coa comisión sobre as caixas do Parlamento galego, que estaba fixada para este venres, co argumento de que as súas obrigas no Goberno central inflúen directamente en organismos como o Banco de España ou o FROB e que iso lle obriga a manter en secreto os seus coñecementos sobre os casos que se tratan na Comisión. En definitiva, aduce que debe ocultar información. 

Este novo plante ao Parlamento, que se une ao do antigo director do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez ou ao do comisario da UE Joaquín Almunia, ten provocado outro enfado na oposición, que leva semanas insistindo nos obstáculos que atopa para desenvolver o seu traballo na Comisión que investiga a ruína das caixas galegas. 

Fernández Currás anunciou a súa ausencia por carta e só dous días antes da data na que estaba prevista a súa comparecencia. O Parlamento debaterá sobre a posibilidade de mandarlle un cuestionario para que o responda por escrito, o que pouco ten que ver coa función natural da Comisión.

Comentarios