Fernán Vello pide no Congreso a anulación do consello de guerra e condena a morte de Bóveda

O deputado de En Marea reprocha ao goberno español que 81 anos após do asesinato de Bóveda, “así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido”. 

photo_camera Imaxe: Adrián Estévez (Galipedia)

Esta quinta feira, 17 de agosto, fanse 81 anos do asasinato de Alexandre Bóveda, motor do partido Galeguista, como o cualificara Castelao. En Marea vén de presentar no Congreso dúas proposicións de lei e unha pregunta por escrito para demandar do goberno español que anule o consello de guerra sumarísimo e a condena a morte do dirixente nacionalista.

O deputado Fernán Vello, responsábel da iniciativa, pide tamén que se declare a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas “por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os Consellos de Guerra e sentenzas condenatorias”.

Nun terceiro punto da súa proposición non de lei, insta o goberno a realizar actos e recoñecementos públicos para conmemorar, homenaxear e rehabilitar a memoria de todas as vítimas da ditadura franquista, e en colaboración coas diferentes autonomías, levar a cabo actos que lembren a alcaldes, representantes públicos, figuras políticas, cargos institucionais e outras persoas que foron asasinadas polas franquistas.

O deputado de En Marea reprocha ao goberno español que 81 anos após do asesinato de Bóveda, “así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido”.

Para Miguel Anxo Fernán Vello “é un acto de xustiza, porque cando non se fai xustiza ás vítimas da represión golpista, rehabilitando institucionalmente a súa memoria e anulando sentenzas de morte absolutamente ilexítimas e ilegais, ditadas por tribunais conformados por golpistas, difícilmente se pode aprofundar no concepto democrático. É un paso imprescindíbel que o estado español aínda a estas alturas non deu”.

Comentarios