Política

Fernán Vello encabezará a lista de Galicia en Común por Lugo e Iria Figueroa será número dous por Pontevedra

Antón Sánchez comparece após a Coordinadora Nacional de Anova celebrada esta mañá en Compostela para revelar os nomes das candidatas pastadas na lista de Galicia en Común.
Antón Sánchez comparece tras a Coordinadora Nacional de Anova
photo_camera Antón Sánchez comparece tras a Coordinadora Nacional de Anova

Antón Sánchez compareceu hoxe tras a Coordinadora Nacional de Anova para informar sobre os debates mantidos na xuntanza, que se centraron no acordo ao que chegou a formación, xunto ás mareas municipalistas, con Galicia en Común.

Ao anuncio de Martiño Noriega como número 3 pola Coruña que se adiantaba xa onte súmanse os do resto de postos pactados na coalicións: Miguel Anxo Fernán Vello será o cabeza de lista por Lugo e Iria Figueroa, número 2 por Pontevedra. Se o primeiro era previsíbel, para a segunda soaban tamén nomes sen confirmar como o da viguesa Oriana Méndez.

O portavoz nacional de Anova declarou a satisfacción “por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”

En palabras de Sánchez, estes nomes “son garantía do que pretendemos, que non haxa só un cambio de cromos na Xunta da Galiza, senón tamén un cambio de políticas”. Ademais, o portavoz nacional de Anova declarou a satisfacción “por ter acadado un acordo unitario da esquerda de ruptura deste país”, que considera decisivo para “rematar cos dez anos negros de Feijóo”.

Sobre a presenza de Noriega nas listas Sánchez afirmou que é “unha peza moi importante que achega moito valor á candidatura”, pois representa “esa parte soberanista e municipalista da coalición”, compromiso que asume “con toda a enerxía”. Tamén destacou Fernán Vello como un “referente político”, para alén de “cultural e literario”, con experiencia en dúas lexislaturas no Congreso. Sobre Iria Figueroa trasladou que “é unha moza de 25 anos que sabe o que é a precariedade”, destacando o seu rol no movemento estudantil.

Preguntado polo seu papel no período que se abre, fóra da candidatura, Sánchez declarou que “sempre dixemos que o traballo na institución non é o único”, afirmando que pensa centrarse no “traballo orgánico como Portavoz Nacional” e que na decisión de non ir nas listas pesaron elementos colectivos e persoais.

Comentarios