A DEPUTADA CUMPRIRA O MANDATO DA DIRECCIÓN

Fernán Vello aféalle a Alexandra Fernández a "deslealdade" por votar contra os orzamentos

“Nunca votarei cun PP que na Galiza tortura sanitariamente a xente”. Así xustifica o deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello o seu voto a favor dos orzamentos xerais do Estado. Sobre Alexandra Fernández, a única das parlamentares galegas de En Marea que votou en contra, fala de “deslealdade”.

66244037-7cee-41e8-8148-7aa365638992
photo_camera [Imaxe: En Marea]

O deputado de En Marea no Congreso e militante de Anova, Miguel Anxo Fernán Vello, xustificou na mañá da sexta feira o seu voto a favor do proxecto dos orzamentos xerais do Estado. “Nunca votarei cun PP que na Galiza tortura sanitariamente a xente”, sinalou nunha rolda de imprensa en que compareceu coa tamén deputada Yolanda Díaz para valorar o adianto electoral.

Fernán Vello afirmou que non serán “corresponsábeis de abrirlle a porta á ultradereita” nas próximas eleccións xerais e dixo sentirse “libre” votando e que o fixo “en conciencia”. “Ninguén me ordenou nada”, engadiu. Díaz, pola súa banda, sinalou que as deputadas e deputados de En Marea no Congreso -que forman parte do grupo parlamentar Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea- non se rexen pola disciplina de voto. Os acordos que adoptan, advertiu, “tómanse por consenso”.

O voto en contra de Alexandra Fernández

En relación a Alexandra Fernández, a única deputada do grupo que asumiu a directriz da dirección da Marea e que, en consecuencia, votou en contra dos orzamentos, Fernán Vello puxo de manifesto que leva “cinco meses sen participar” das reunións das deputadas e deputados e que “non tivo participación nas 300 emendas rexistradas” ás contas. Fernán Vello sinalou ademais que Alexandra Fernández “practicou co grupo de En Marea absoluta deslealdade”. Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, a parlamentar sinalaba que na terza feira sentara cos deputados e deputadas de En Marea para preguntar se había algunha negociación fechada en relación ás emendas presentadas. Ademais, a parlamentar lembraba na conversa que Fernán Vello, Yolanda Díaz, Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez non participaran das xuntanzas convocadas polo Consello da Marea, "á primeira reunión non asistiron e á segunda tampouco. Non sei para que se estivo traballando no deseño do espazo político, pois emendar a plana porque non che gustan as decisións que se toman…", apuntaba.

Yolanda Díaz, pola súa banda, agregou que Alexandra Fernández comunicou o 11 de setembro que “retiraba”. Unha decisión, dixo, que lamentou, pois “as diferenzas políticas dirímense politicamente”.

O Consello das Mareas, a dirección deste partido instrumental, instara a pasada cuarta feira os deputados e deputadas de En Marea a votaren en contra dos orzamentos. Nas últimas semanas, diferentes membros da formación política anunciaran publicamente o rexeitamento das contas por seren contrarias aos intereses de Galiza e na súa intervención na tribuna a propia terza feira pola mañá Yolanda Díaz daba a entender o voto en contra das deputadas e deputados de En Marea aos orzamentos.

Nunha rolda de prensa a pasada cuarta feira, o portavoz de En Marea, Luis Villares, lamentaba que catro deputados votasen uns orzamentos "que toman o pelo a Galiza".

Comentarios