Fernán Vello denuncia que Feixóo rebaixou o status de nacionalidade histórica de Galiza

O portavoz de En Marea tomou a palabra por espazo de cinco minutos no debate da moción de censura. Esbozou os problemas básicos de Galiza -a conxelación dos investimentos estatais, a necesidade dun novo financiamento, o recúo do galego...- e pediu unha nova orientación das políticas do Estado en relación ao noso país.

fernan velho
photo_camera Fernán Vello

O si de En Marea á moción de censura é "construtivo", "edificante" e "crítico", mais non "indiferente" nen "baladí". O portavoz da confluencia defendeu que o novo goberno reverta "as políticas neoliberais" e deixe atrás os recortes nos servizos públicos. O apoio á moción, dixo, é unha obriga "cívica" e "política" para avanzar cara á rexeneración das institucións.

Fernán-Vello -que durante a súa intervención pronunciou en galego os nomes dos presidentes do goberno galego e español- dirixiu tamén unha dura crítica a Feixóo, a quen atribuíu políticas que terían rebaixado o status de nacionalidade histórica de Galiza, do que chamou "a nación galega".

"Non existen novos proxectos para Galiza e hai un nulo compromiso cos sectores produtivos galegos. É sintomático do pobre papel ao que o señor Feixóo e Raxoi relegaron ao país galego", alegou o deputado da confluencia.

Na súa réplica, Sánchez -que se referiu ao parlamentar galego como 'señor Fernández'- limitouse a darlle as grazas ao portavoz de En Marea, sen facer ningunha alusión concreta aos problemas galegos.

Comentarios