sábado 11.07.2020

As fendas do PP galego comezan a emerxer

A neutralidade sobrevida de Núñez Feixóo respecto do proceso de sucesión de Raxoi non resiste a sucesión de acontecementos. Se xusto antes de subir ao avión que o levou esta mañá ao congreso do PP en Madrid calaba a súa aposta “por coherencia e non influenciar”. O certo é que prodigou acenos de apoio a Pablo Casado, o candidato máis dereitista.
 

Alberto Núñez Feixóo e José Manuel Baltar, nun acto de campaña electoral. Foto: PP.
Alberto Núñez Feixóo e José Manuel Baltar, nun acto de campaña electoral. Foto: PP.

“Dado que non me presentei, non tería moito sentido que me presentase a través doutro candidato”, expuxo. O seu estraño e inesperado recuar a última hora, despois de meses -anos- postulándose para o labor converteuno no apoio máis cobizado polos aspirantes Casado e Soraya Sáenz de Santamaría. Mais, en realidade, coa ex vicepresidenta do Goberno mantivo un soterrado enfrontamento delongado no tempo.

O silencio de última hora de Feixóo non oculta que cargos do partido e do Executivo galego próximos a el si se decantaron. E fixérono por Pablo Casado, que se está situando discursivamente no extremo dereito do PP en relación ao aborto, ao soberanismo catalán ou ao feminismo. Estes posicionamentos non parecen, porén, disgustar aos presidentes provinciais dos populares na Coruña, Diego Calvo, nin en Pontevedra, Alfonso Rueda.

Os históricos adversarios internos de Feixóo no PP galego anunciaron, pola contra, que están con Sáenz de Santamaría. O presidente da Deputación de Ourense e máis do PP desa provincia, José Manuel Baltar, de maneira pública e expresa. E o portavoz dan dereita no Senado, o lucense José Manuel Barreiro, que no seu día competiu con Feixóo polo liderado do PP galego, fíxoo nas redes sociais.

A aparente neutralidade de última hora de Núñez Feixóo ten así unha dobre lectura. Por unha banda, non quere que as liñas de división que atravesan o partido en Galiza queden máis expostas do necesario. Pola outra, se cadra intúe que o seu candidato predilecto -Pablo Casado- pode non ser finalmente o vencedor do congreso. “A miña preocupación é o día despois do congreso”, dixo antes de subir no avión esta sexta feira.

comentarios