A fenda territorial no PSOE: Andalucía nega ao PSC a hipótese de votar non a Rajoy

Susana Díaz quer impor un voto homoxéneo de todo o grupo parlamentar do PSOE na nova sesión de investidura de Rajoy. O novo aparato socialista quer unha abstención que viabilice a continuidade do líder conservador na Moncloa. Mais ten un problema: o PSC.

Susana Díaz
photo_camera Susana Díaz

Susana Díaz abandeira neste momento a posición de o Comité Federal acordar a abstención en pleno de todo o grupo parlamentar do PSOE na investidura de Rajoy, embora aínda non o teña verbalizado explicicitamente. Distánciase así da coñecida nas últimas horas como a vía Page, a formulada polo presidente de Castela A Mancha, favorábel a entregar a Rajoy apenas 11 abstencións técnicas. Ese recurso permitiría que a grande maioría dos deputados socialistas formulasen un non ao líder do PP e, sobre todo, evitaría que se visualizase a temíbel imaxe do fraccionamento territorial do grupo.

Ese e non outro é o principal problema que ten neste momento o novo aparato ao mando do PSOE: a imposíbel síntese entre os desexos da organización andaluza e os do PSC. O Partit dels Socialistes de Catalunya realiza este mesmo sábado eleccións primarias para elexer o seu novo líder e quer Miquel Iceta, que compite pola reelección, quer Núria Parlon, do sector máis pro-soberanista, teñen enfatizado que os parlamentares do PSC votarán non a Rajoy decidir o que decidir o Comité Federal.

O Partit dels Socialistes de Catalunya realiza este mesmo sábado eleccións primarias para elexer o seu novo líder

“Se o PSC participa na toma da decisión, terá que acatar o resultado. Non é momento para ningún tipo de aproveitamento. Son tempos para tomar unha decisión seria, responsábel, honesta, con respeito ao partido, ás súas normas e aos seus órgaos”, dixo esta sexta feira Mario Jiménez, portavoz da xestora e voz do partido socialista andaluz, obviamente moi próxima a Susana Díaz.

O asunto no que intencionadamente non repara Jiménez é que o PSC non é unha federación do PSOE, senón un partido distinto, unha entidade xurídica independente. Fundado en 1978, e con grupo parlamentar propio até o golpe de Estado do 23F de 1981, o PSC pode perfeitamente alegar a súa soberanía á hora de determinar o sentido de voto dos seus parlamentares en Madrid.

Este cisma entre Andalucía e Catalunya é un gravísimo problema para o PSOE, alén do episodio concreto desta investidura. Sen a síntese deses dous territorios halle de ser ao partido socialista materialmente imposíbel remontar a súa crise e voltar a se situar como forza eleitoral en condicións de competir co Partido Popular.

Comentarios