Feministas piden o cesamento da secretaria de Estado de Igualdade após ironizar coas rebaixas de penas a violadores

"Dos creadores de 'as persoas van ir ao rexistro para cambiar de sexo todas as mañás', chega 'os violadores á rúa: centos, miles, ondadas...'", dixo nun acto Ángela Rodríguez.
Ángela Rodríguez, secretaria de Estado de Igualdade. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Ángela Rodríguez, secretaria de Estado de Igualdade. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Organizacións feministas pediron nas últimas horas o cesamento da secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, por ironizar sobre as rebaixas de penas a violadores que se están producindo tras a aprobación da Lei do 'só si é si'. En concreto, nun acto organizado por Podemos, dixo, cun ton irónico: "Dos creadores de 'as persoas van ir ao rexistro para cambiar de sexo todas as mañás', chega 'os violadores á rúa: centos, miles, ondadas...'".

Desde o Movemento Feminista de Madrid lamentan que "lle divirta" á número dous de Irene Montero a situación e "chancee" con ela. Ao seu xuízo, esta actitude demostra "que non vale para o cargo". Ana de Blas, representante desta organización, sinalou a Europa Press que a intervención de Rodríguez "é totalmente inaceptábel e 'revitimizante'".

"As palabras e o ton empregados non son só unha falta de respecto para as mulleres vítimas de violencia machista, son tamén unha mostra da absoluta falta de autocrítica do Ministerio de Igualdade", apuntou. Entende De Blas que "tanto a ministra como o presidente do Goberno deben facerse cargo dos seus nomeamentos".

"Que máis ten que facer para ser cesada de forma fulminante esta indocumentada que ri así das vítimas de violencia machista sendo secretaria de Estado de Igualdade?", preguntouse Confluencia Feminista a través das súas redes sociais, nas que compartiron parte da intervención de Rodríguez.

Pola súa parte, a Alianza contra o Borrado de Mulleres sinalou que "cada día que pasa hai unha nova razón para o cesamento da secretaria de Estado contra a Violencia de Xénero". Ao seu xuízo, "o incomprensíbel é que non se producise xa".

Tamén se pronunciou esta quinta feira en relación coa polémica a ministra de Industria, Reyes Maroto, quen afirmou que "non se pode ironizar" e que estas declaracións xurdiron no contexto dunha conversa na que "o ton non era o dunha secretaria de Estado". Desde o PSOE, de feito, son varias as voces que demandaron unha rectificación.

"É malo que aprobasen unha chapuza de lei, peor a cerrazón de non asumir o erro para cambiala, pero que aínda por riba rían e fagan chistes desta situación é imperdoábel. De verdade Sánchez está tan intervido que nin pode cesar unha secretaria de Estado que fai estas cousas?", dixo esta cuarta feira o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Resposta de Rodríguez

Tras a vaga de críticas das últimas horas, Ángela Rodríguez decidiu responder a través dun vídeo publicado no seu perfil en Twitter: "Lamentabelmente, as feministas estamos acostumadas a que moito do noso traballo quede reducido a bulos, noticias falsas e manipulacións, que ridiculizan e terxiversan as políticas de igualdade. Utilizouse o fragmento dun podcast no que explicaba que para rematar coas violencias sexuais necesitamos que os agresores vaian ao cárcere, mais tamén que as vítimas teñan acompañamento especializado, para suxerir que me parece divertido frivolizar coa violencia machista".

Afirma a secretaria de Estado que é "moi preocupante que se chegue a esta situación, non por quen manipula até este extremo, senón polas vítimas". "Quero reiterar que o noso maior compromiso, o meu tamén, é a loita contra a violencia machista, e estamos a desenvolver todas as medidas necesarias", dixo, pasando a detallar as políticas adoptadas polo Ministerio.

Ao mesmo tempo, aproveitou para deixar un 'recado' ao PP e mais a Xunta da Galiza tras a polémica campaña do pasado 25 de novembro: "Frivolizar é facer unha campaña en redes dicindo que aos agresores lles tocou a lotaría. Manipular é responsabilizar as vítimas de violencia sexual da violencia sufrida, e dicir que 'non debería pasar, pero pasa'".

Comentarios