O BNG avisa de que "dará a sorpresa" o 5-A nun acto multitudinario en Compostela

Un milleiro de persoas arrouparon esta tarde as candidatas e candidatos do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no seu encontro nacional de Compostela, un acto multitudinario no que portavoz nacional, Ana Pontón, amosouse "convencida" de que o Bloque "dará a campanada e liderará o cambio galego" o vindeiro 5 de abril.
2020030720515795012
photo_camera O encontro nacional do BNG congregou este sábado en Compostela un millar de persoas.

A forza nacionalista demostrou o seu entusiasmo no Auditorio, no que a candidata a presidir a Xunta da Galiza, Ana Pontón, cualificou a cita electora como a oportunidade para que, por primeira vez na historia, "unha muller e nacionalista sexa a presidenta da Xunta". "Imos dar a sorpresa e Galiza vai ter unha presidenta", proclamou. 

"Hoxe hai unha maioría social que ten a ilusión de superar a Galiza calada, submisa e irrelevante das forzas estatais e que quere poñer en marcha todas as nosas potencialidades para avanzar", advertiu a candidata. "As eleccións galegas van diso, do noso futuro, de acreditar en nós, de ter esperanza, de pór en marcha unha nova Galiza", apostou. 

Como considerou, é hora dun "Goberno sen mordazas, sen ataduras, liderado por unha muller, feminista, nacionalista e coas mans libres para defender este país". "Non son tempos nin de absolutismos nin de sucursalismos", engadiu Pontón, que apelou á fin da "subordinación a Madrid" e dos "Gobernos dirixidos co mando a distancia desde Xénova ou Ferraz". "Queremos unha Galiza próspera, moderna e con futuro. Un país que coide da súa xente, que apoie o talento e xere oportunidades. Queremos un país de mulleres libres e iguais", subliñou. 

No acto non faltaron críticas ao slogan do PPdeG para estas eleccións. "Galiza é moito máis que un lema electoral. 'Galiza é moito', moito máis, moitísimo máis que o país bonsai que representa Feixoo", censurou a candidata, que cualificou o actual presidente da Xunta como un candidato que pertence "ao pasado" e que está á fronte dun Goberno "absolutista e inútil"

Fronte a el, Pontón quere construír un "futuro prometedor" co Bloque liderando a Xunta e a alternativa de Goberno na Galiza. Con esta idea, a portavoz nacional subliñou o "país con capacidades, recursos e potencia", calidades que, segundoentende, combinan co "proxecto colectivo, aberto, xeneroso e común" co que o BNG se presenta a esta cita ás urnas para "dar carpetazo a Feixoo".

O Bloque, manifestou Pontón, pretende dar a "voz propia" que reclama para  o territorio galego e así "decidir sobre os seus propios recursos, aforros, impostos ou política industrial", así como a súa propia lingua e cultura.

A esa "Galiza real, viva, plural, mobilizada e con ganas de cambio" é á que se dirixiu a candidata, quen demandou que o 5-A "abra un tempo novo con decisión, ilusión e confianza no futuro".

No encontro participaron tamén outras voces do BNG que, seguindo a liña da candidata, salientaron a "oportunidade" que se abre nos vindeiros comicios.  Xose Luís Rivas, Mini, candidato pola Coruña, apuntou as medidas para darlle futuro ao rural, mentres que Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, deixou claro que un Goberno liderado polo Bloque terá como prioridade o "traballo digno e os servizos de conciliación" para que a mocidade non sufra "precariedade" e non teña que emigrar. "Nin as mulleres nin a mocidade somos o futuro. Somos presente. Estamos aquí para cambiar as cousas", sinalou. 

Pola súa banda, a primeira da lista por Ourense, Noa Presas, puxo o foco na industria hidroeléctrica galega, e reivindicou que Galiza ten "a metade da gran hidráulica do estado, ríos e terras desfeitas polos encoros". "Somos a galliña de ouro para as eléctricas", censurou. ". No mesmo ton, a cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aludiu á "enorme motivación" do seu partido e ao "medo" do PP para perder as eleccións.

Comentarios