Felipe VI viaxa a presentar os seus respectos á ditadura integrista de Arabia Saudita

El-Rei de España desprázase para dar en persoa as condolencias polo falecemento do monarca Abdalá, símbolo dunha monarquía absolutista acusada de non respectar os dereitos humanos, marxinar as mulleres e apoiar a organizacións armadas jihadistas.  

rei-crop
photo_camera Felipe VI

Unha viaxe que debería resultar polémica, pero que apenas é tratada de forma crítica nos grandes medios estatais nin parece supoñer ningunha perturbación para as forzas políticas constitucionalistas, malia que supón unha mostra pública de apoio e solidariedade cunha tiranía. Porque o Rei español Felipe VI viaxou este sábado a Riad para presentar as súas condolencias pola morte do rei Abdalá de Arabia Saudita, falecido a sexta-feira aos 90 anos. 

O xefe do Estado enviou un telegrama de pésame ao sucesor de Abdalá, o rei Salman, no que lle expresa no seu nome e no do Goberno e “o pobo español” o seu "máis sincero sentimento de pesar pola moi triste noticia". O mesmo fixo o seu pai, Juan Carlos I, que sempre mantivo unha relación moi próxima cos monarcas dos petrodólares.

Segundo Amnistía Internacional, o réxime saudí ao que saúda o español "tortura, aplica a pena capital por adulterio ou bruxería e practica flaxelacións"

Estas relacións de proximidade do poder español cunha ditadura contrastan coas descualificacións constantes cara estados democráticos como Venezuela. Porque Arabia Saudita -millonaria grazas ao petróleo e que mantén magníficas relacións con Estados Unidos- é unha monarquía absolutista na que non existe o máis mínimo dereito democrático, para alén de rexerse baixo os mandatos do integrismo relixioso e, segundo moitas informacións, ter estado detrás do financiamento de grupos armados de carácter jihadista.

A monarquía saudí á que Felipe VI e o Goberno de Rajoy gaban dirixe un país que, en base ao que teñen denunciado diversas organizacións, permite o semi-escravismo coas persoas migrantes, marxina radicalmente as mulleres e non respecta os dereitos humanos. Por exemplo, segundo Amnistía Internacional, "en Arabia Saudita prodúcense continuas represións, incluíndo detencións e prisións arbitrarias, procesos inxustos, tortura e malos tratos. Segue sendo un dos cinco primeiros países do mundo na execución da pena capital, aplicada a un amplo abanico de delitos non letais como o adulterio, roubo a man armada, apostasía, narcotráfico, secuestros, violacións e bruxería e utiliza aínda os castigos corporais como a flaxelación e a amputación". Así é a ditadura á que este sábado honra e presenta respectos o xefe do Estado español. 

Comentarios