Felipe VI recibirá En Marea na rolda de consultas para propor candidato a presidente

O Borbón recibirá a delegación a vindeira cuarta feira, o mesmo día no que a Mesa do Congreso terá que tomar unha primeira decisión sobre o grupo parlamentar.

En Marea_Congreso

Felipe VI recibirá En Marea a vindeira cuarta feira, 20 de xaneiro, na rolda de consultas para propor un candidato á presidencia do goberno español. Un aceno que desde diversos sectores sinalan como un recoñecemento de que a coligazón impulsada por Anova, EU e Podemos é unha candidatura de seu con dereito a grupo parlamentar. A recepción será o mesmo día no que a Mesa do Congreso español terá que tomar unha primeira decisión sobre os grupos parlamentares solicitados por En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podem.

Segundo Europa Press, o alcalde de Compostela destacou esta sexta feira que En Marea vaia ser recibida polo rei español como “candidatura propia” e, en consecuencia, exixiu un grupo parlamentar. Nesta liña, Martiño Noriega considera que os impedimentos para que En Marea teña grupo de seu non son xurídicos ou legais, mais “políticos”.

Felipe VI comezará esta segunda feira a rolda de consultas, que encetará co partido que atinxiu menor representación (Nueva Canarias) para finalizar con aquel que máis deputados atinxiu (PP). Entre mentres, recibirá a delegacións das diferentes organizacións con representación nas Cortes españolas. No día en que ten audiencia En Marea tamén acudirán cabo do Borbón PNV e a catalá DiLl (a marca de CDC).

Quen xa anunciou que non acudiría é ERC, que rexeita reunirse co rei até que este reciba Carme Forcarell, a presidenta do Parlament de Catalunya

Comentarios