Felipe VI activa o tempo e propón Pedro Sánchez para a investidura

O Borbón comunicou que será o candidato socialista quen teña a encomenda de formar goberno, segundo trasladou o presidente do Congreso, Patxi López. Sánchez di aceptar o "deber" e que iniciará contactos "a partir de mañá" coas demais forzas políticas. Ora ben, rexeitou o apoio das forzas independentistas na súa investidura o que lle obriga a contar cos votos de Podemos e Ciudadanos conxuntamente. 

Pedro Sánchez con Felipe VI
photo_camera Pedro Sánchez con Felipe VI [Imaxe Casa Real]

O xefe do Estado español informou oficialmente ao presidente do Congreso, Patxi López, que é Pedro Sánchez (PSOE) a quen propón como candidato á investidura. 

Desta maneira, Felipe VI dá a pistolada de saída ao proceso marcado pola Constitución de 1978 e no que se estipula o procedemento para desenvolver esta escolla. Aliás, isto supón unha conta atrás e un prazo determinado para chegar a acordos. 

Segundo trasladou Patxi López, o líder socialista trasladoulle a necesidade de dispor dun "tempo prudencial" para iniciar as negociacións coas demais forzas políticas. Un período que podería abranguer un mes e que o presidente da Cámara baixa está disposto a agardar antes de convocar o pleno de investidura. 

En comparecencia de imprensa Pedro Sánchez dixo aceptar o "deber" que lle encomendou o monarca con "responsabilidade" e avanzou que iniciará os contactos coas demais forzas políticas, "de esquerdas e de dereitas", na cuarta feira. 

Sánchez asegura que precisará por volta "dun mes" para chegar a un hipotético acordo de goberno

Embora Podemos e Ciudadanos que exclúen mutuamente dun eventual acordo de goberno se o outro está, Pedro Sánchez precisa do apoio de ambas as dúas forzas políticas se quere gobernar. E é que o líder socialista e xa candidato á presidencia do goberno, asegurou que "non" quere o "apoio" dos partidos independentistas (PNV, ERC, DiLl). 

Este feito complica desde unha perspectiva aritmética as posibilidades de Sánchez quen, no entanto, dixo estar en disposición de falar con todo o mundo. Ora ben, pediu "abandonar os vetos" ás demais forzas e porse a negociar sobre "os problemas" da poboación española "após 4 anos de goberno do Partido Popular". 

Os eixos arredor dos que levará a cabo as negociacións serán "a falta de oportunidades" no plano económico e laboral; a "desigualdade", a "crise de convivencia de Catalunya" e a "corrupción". 

O líder socialista rexeitou un eventual apoio de forzas independentistas e mantén a procura dos votos na "esquerda e dereita" españolas

O líder socialista desbotou un goberno en solitario asegurando que "non son Rajoy" mais, dixo, "primeiro hai que falar de políticas para ver despois como se materializan os acordos". Desta maneira o secretario xeral do PSOE rexeitou a proposta lanzada por Pablo Iglesias hai 10 días na que lle propuña un goberno de coligazón no que Podemos tivese a vice-presidencia e mesmo 6 ministerios. "Será no para que como responda á pregunta de con quen", subliñou Pedro Sánchez. 

Rajoy

Perto dunha hora antes da comparecencia de Pedro Sánchez quen saía á palestra era Mariano Rajoy. O líder do Partido Popular continúa a non desbotar a súa candidatura á investidura mais di que non o fará en primeira volta por mor da falta de apoios. Esta decisión valeulle as críticas de PSOE e Ciudadanos que o acusaron de "escapismo" e de "ter tirado a toalla". Entre tanto, Rajoy insiste en gobernar co apoio de PSOE e Cs cun executivo encabezado por el propio. 

Pablo Iglesias e Rivera

Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, compareceu publicamente poucos minutos após Rajoy para criticar con dureza ao líder do PSOE a quen acusou de ter unha actitude "hipócrita" por non ter "feito nada" durante 10 días desde que lle foi lanzada a proposta de goberno. 

Porén, Iglesias di que malia a todo continúan coa "man tendida", iso si, se quere formar goberno con Podemos, aclarou, Pedro Sánchez ten que desbotar a idea de que neste estexa Ciudadanos. Algo que tamén sinalou Albert Rivera. 

Comentarios