Feixoo: "Temos que captar os maiores votos posíbeis de Vox para que non condicione un goberno do PP"

O presidente galego anuncia que deixará a Xunta a partir de abril, cando sexa elixido no Congreso extraordinario do PP. Núñez Feixoo non fecha a porta a pactar con Vox, a cuxos votantes garda un "profundo respecto" porque "antes votaban o PP", malia que "non" comparte o seu discurso.
Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, na Xunta Directiva do PPdeG (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira, na Xunta Directiva do PPdeG (Foto: César Arxina / Europa Press).

O xa oficialmente precandidato á Presidencia do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, ofreceu unha entrevista na mañá desta quinta feira na Cadea COPE na que, primeiramente, admitiu que nas últimas semanas a súa formación cometeu "erros e acertos", mais facendo fincapé nas cuestións negativas que afectaron a "unidade".

"Cando nun partido non se preserva a unidade ou se actúa de forma pouco ortodoxa e precipitada, iso ten unha serie de efectos, mais non falo só da última semana, senón de que nos últimos anos o PP probabelmente entendía que o seu papel era distinto ao que viña exercendo o partido nos últimos anos", dixo.

Aliás, lembrou que o Estado español ten unha "estrutura autonómica" que o PP "debe aceptar e non menoscabar", en alusión aos ataques ao sistema das autonomías por parte de personalidades da formación conservadora como Cayetana Álvarez de Toledo ou, en ocasións, o propio Pablo Casado.

Neste senso, fixo alusión tamén ás "desconsideracións cara a líderes populares" vistas nos últimos meses, "sumadas á relación coa Comunidade de Madrid" a raíz do enfrontamento entre Casado e Isabel Díaz Ayuso, que derivou nunha situación de "desconfianza e falta unidade".

"Cando xerminan a falta unidade e a desconfianza é un problema que cómpre atallar", afirmou, e cualificou de "decepcionantes" os acontecementos das últimas datas que "desencadearon nunha crise" que agora Núñez Feixoo quere zanxar para "comezar a mirar ao futuro para presentar un proxecto fronte ao Goberno actual", que, máis unha vez, valorou como "o peor da historia recente de España".

Porén, Feixoo amosou a súa disposición a alcanzar pactos de Estado con Sánchez sobre cuestións que son "importantes" para o país e ás que o PP ten a "obriga" de "escoitar e responder as propostas", malia que "facer pactos europeístas, atlantistas e constitucionais non é fácil", dixo, en alusión á presenza de Unidas Podemos no Executivo.

Feixoo non descarta pactar con Vox e alega que o PSOE "pacta con independentistas, nacionalistas, rexionalistas e até os restos do PCE"

A respecto de Vox, dixo que os populares deben captar "os máis votos posíbeis" da formación de extrema dereita, xa que boa parte do seu electorado "provén do PP".

"Sinto un profundo respecto por eles", apuntou, se ben dixo non compartir o discurso de Vox porque "en ningún caso" é o mesmo que o PP: "Nós nunca fomos un partido antiautonomista, nin euroescéptico, nin populista".

Aliás, cuestionou a autoridade moral do PSOE á hora de instar o PP a non pactar con Vox, alegando que Sánchez, "pacta indistintamente con independentistas, nacionalistas, rexionalistas e mesmo cos restos do PCE, algo que nunca fixeron Felipe González, Joaquín Almunia ou Alfredo Pérez Rubalcaba".

Ao seu entender, con todo, cómpre "combater" a extrema dereita "explicando á xente o proxecto político do PP e convencéndoa de que é necesario unirse para lograr unha maioría, porque, "canto máis se divida o voto teremos máis PSOE e máis populismo e independentismo", sostivo.

Sucesión na Xunta

Por outra parte, Núñez Feixoo recoñeceu que, se dentro dun mes se cumpren os prognósticos e sae elixido presidente do PP estatal, "comezarase a falar da sucesión á fronte do PPdeG e da Xunta". De feito, o presidente dixera esta cuarta feira que non marcharía da Galiza "nun mes", isto é, até o Congreso extraordinario dos populares.

Comentarios