Feixoo, sobre o adeus á sede de Xénova: "Non parece razóabel" abandonar cando se teñen "problemas"

O presidente da Xunta da Galiza e presidente do PP na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, amosouse especialmente crítico co seu xefe de filas, Pablo Casado, nunha entrevista en que preparou o terreo para dar o salto a Madrid.

Feixoo, durante a entrevista en RTVE.
photo_camera Feixoo, durante a entrevista en RTVE.

“Non parece razoábel” abandonar a sede do PP na rúa Xénova, en Madrid, cando se “teñen problemas con algunhas persoas ou dirixentes”. Así se pronunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha entrevista na noite da quinta feira en RTVE, en referencia á decisión de Pablo Casado para romper co pasado e a corrupción, pois a súa reforma atópase actualmente investigada pola Audiencia Nacional.

Feixoo advertiu de que a decisión de deixar a sede de Xénova foi “unha decisión do equipo” estatal do PP da que el “non estaba moi informado”. "Non sei se se vai vender. Saberao quen o anunciou”, dixo.

Sinalou que se trata dun asunto “interno” que se debate no seo do partido. Mais puxo de manifesto que “se cada vez que unha empresa, organización ou un partido teñen problemas con algunhas persoas ou dirixentes teñen que deixar o lugar, igual non quedaba ningunha sede".

Preguntado sobre se o anuncio de Casado causou malestar entre certos dirixentes do PP, Feixoo respondeu que "probabelmente". 

Eloxiou, a continuación, a honorabilidade do ex presidente do Goberno Mariano Raxoi e cualificou de "impropio" que se utilice a súa figura como "técnica da defensa" do ex tesoureiro Luis Bárcenas.

Preguntado a respecto do seu futuro, Feixoo sinalou: “Vou seguir traballando para a Galiza e para o PP e intentarei ser útil cando se considere oportuno para Casado”.

En relación ás eleccións catalás, cualificou como “malo” o resultado do PP.

Comentarios