Feixoo volve ofrecer ao PSOE de Ourense gobernar a cidade de maneira conxunta

O presidente da Xunta, que hoxe mantivo unha reunión co presidente da Deputación, Manuel Baltar, afirma que é a "única posibilidade" que ten a terceira cidade da Galiza en poboación para ter un Executivo municipal estábel. O PSOE nega a maior e, ademais, presentará unha iniciativa contra Baltar. Mentres, as leas entre Pérez Jácome e os que foran os seus edís continúan.
Feixoo e Baltar durante a súa reunión de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Feixoo e Baltar durante a súa reunión de hoxe. (Foto: Xunta da Galiza)

O PSOE de Ourense "ten na súa man" resolver a crise política na cidade. Foron as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que esta cuarta feira -após manter unha reunión co presidente da Deputación e líder do PP en Ourense, Manuel Baltar- asegurou que continúa a ofrecer aos socialistas un pacto para crear un Executivo municipal "conxunto" entre PP e PSOE.

Perante o Goberno de mínimos de Gonzalo Pérez Jácome por todas as leas internas en Democracia Ourensá (vai recorrer o auto que suspende a asemblea na que botou do partido a tres dos seus antigos edís), Feixoo sostén que "a única posibilidade que ten Ourense de saír dunha situación crítica é que se conforme unha maioría cun goberno conxunto de PSOE e PP".

Esta hipótese parece bastante improbábel dado que a alianza é difícil en calquera escenario político e máis neste. Os socialistas entenden que, como lista máis votada nas municipais, deben estar á fronte do Consistorio e o PP xa tivo un pacto con Democracia Ourensá (DO).

No entanto, o representante popular considera que a súa é "unha proposta razoábel". Ao seu entender o PP ten a man "tendida" desde hai moitas semanas e é o PSOE o que "bloquea a gobernabilidade" na terceira cidade do país en número de habitantes.

Ruptura con Democracia Ourensá

No que se refire ao partido liderado por Pérez Jácome, aclarou que cando racharon a colaboración foi porque comprobaron que "podería ter problemas moi serios" de tipo xudicial. Neste sentido, subliñou a "lealdade" dos populares, que sería tal para o PSOE "se acepta a coalición".

Mais rexeita un Concello só do PSOE en "minoría" porque, ao seu xuízo, "é pasar de colapso 'A' a colapso 'B'" para a urbe.

O PSOE defende a súa "xenerosidade"

O voceiro municipal do PSOE local, Rafael Villarino, afirmou que “segue disposto a buscar a solución para a gobernabilidade” que o PP “non buscou”.

Ademais, sobre o acordo para o trámite dos salarios e a falta de achegamento de posicións para a moción de censura, Villarino dixo que “o Partido Socialista tivo unha paciencia case infinita e xenerosidade”.

Críticas a Baltar

Por outra banda, o grupo anunciou que levará ao pleno da Deputación desta sexta feira unha iniciativa para “desaprobar as faltas de respecto institucional e a deriva demagóxica do Goberno provincial”.

Na opinión de Villarino, a Baltar “apetécelle botar abaixo o seu propio código ético en defensa do caciquismo”.

Comentarios