Feixoo ve “diminuíndo” a incidencia do rebrote na Mariña, onde os contaxios soben xa a 186

Os casos activos de coronavirus na Mariña aumentaron este sábado a 186, segundo o Sergas. Esta situación foi valorada por Alberto Núñez Feixoo nesta xornada de reflexión, asegurando que “está diminuíndo a incidencia" do brote e lanzou unha "mensaxe de tranquilidade" para ir votar.
 
Alberto Núñez Feixoo, paseando coa súa nai por Vigo no sábado de reflexión (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, paseando coa súa nai por Vigo no sábado de reflexión (Imaxe: Nós Diario)

Xunto á súa nai, Sira Feixoo, o candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, percorreu varias rúas de Vigo aproveitando a xornada de reflexión dos comicios galegos.

Sobre a situación da Mariña, onde ascenden xa a 186 as persoas contaxiadas de coronavirus, con catro novos casos notificados, segundo informou este sábado 10 de xullo o Sergas, Feixoo sinalou que “está diminuíndo a incidencia” do brote. O popular cualificou de "moi boas noticias" que só catro de 144 probas PCR da última xornada desen positivo, xa que a incidencia cando se fechou a comarca estaba "por encima de 20%", dixo.

"Pode haber algún interese por sementar dúbidas", sentenciou Feixoo en referencia á oposición que solicitou o adiamento das votacións na Mariña para dar garantías sanitarias e democráticas á poboación.

Ante iso, considerou o candidato do PP, que "os galegos son moi intelixentes e saberán distinguir entre o ruído e outras cousas", e opinou que "a festa da democracia nunha pandemia hai que tomala sempre con prudencia e responsabilidade, pero é unha festa da democracia".

"Estou convencido de que os galegos van ir a votar", sentenciou. "Obxectivamente non habería ningunha dificultade para poder acudir a un colexio electoral", reflexionou, da mesma forma que "todo o lecer na Galiza está aberto".

"Mañá é unha xornada de festa democrática e ímola celebrar, coa prudencia que exixe unha pandemia, pero tamén coa contundencia que exixe a situación sanitaria, económico e social que vivimos en toda España e, por suposto, na Galiza", finalizou.

Comentarios