Feixoo usa a mensaxe de Fin de Ano para se presentar como valedor da “política exemplar”

O presidente sitúa o Xacobeo como o evento no que a “Galiza ferida” deixará paso á “Galiza esperanzada”.

fEIXOO DISCURSO DE FIN DE ANO FOTO DA XUNTA
photo_camera (Foto: Xunta)

O presidente da Xunta elixiu para o seu discurso de Fin de Ano o mesmo atril que empregou ao longo destes meses para dirixirse en ‘prime time’ a galegos e galegas co gallo da pandemia da Covid. Comparecencias, moi criticadas pola oposición, nas que o anuncio de novas medidas ou informes sobre datos do virus ían da man de ataques ao Goberno español.

Con ese mesmo atril se dirixiu Feixoo este 31 de decembro durante o seu discurso de pouco máis de 9 minutos aos galegos e galegas. Un discurso no que a pandemia foi protagonista e no que non faltaron gabanzas á súa propia xestión.

”En cada resposta [fronte á Covid] que estivo á altura atopo inspiración para a política”, manifestou. “Defendo unha política exemplar”, dixo, “unha política baseada no consenso”, acrecentou. Un resumo en apenas tres frases de como gostaría que se lle vexa.

No discurso lembrou os diferentes colectivos que enfrontaron a crise, indicando que sente un “lexítimo orgullo” polo seu traballo nestes meses: sanitarios, profesionais educativos, traballadoras de residencias... Moitos destes colectivos, porén, denunciaron ao longo destes meses as dificultades na súa situación e a responsabilidade da Xunta na mesma.

“Galiza deu a galla como Comunidade”  ante a Covid-19 e r5esumiu a resposta da sociedade galega como exemplo de “rigor e afectos”, todo elo para evidenciar, dixo esa “Galiza como fogar común, como familia”.

Xacobeo e UE

A vacina “marca o principio da fin”, manifestou, se ben non hai que cometer “o erro de pensar que todo pasou”. O presidente empregou a Catedral como metáfora do final do camiño, este caso da pandemia, que ha chegar.

E foi entón cando falou da Galiza “que se apresta a celebrar o Xacobeo 21”, indicando que “hai motivos para a esperanza”. O Xacobeo e as medidas de “reactivación” da UE permitirán “avanzar” o país e ir así cara a un “mañá na que a Galiza ferida deixe paso á Galiza esperanzada”.

Comentarios