Feixoo apoia o transfuguismo en Murcia contra "a política máis cutre e decadente"

Sen mencionar á presidenta Isabel Díaz Ayuso, manifestou o seu desexo de que Madrid "teña un goberno estábel".
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, co ex ministro e ex conselleiro José Manuel Romay Beccaría, novo presidente da Fundación Alfredo Brañas. (Foto: Cedida)
photo_camera O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, co ex ministro e ex conselleiro José Manuel Romay Beccaría, novo presidente da Fundación Alfredo Brañas. (Foto: Cedida)

O presidente do PP galego e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cargou este sábado contra os partidos que "se dedican exclusivamente á división e ao caos".

Ante o Comité Executivo dos populares galegos, nunha alusión velada a Ciudadanos e á ruptura dos executivos murciano e madrileño, criticou "a aqueles que dicían que viñan rexenerar o política" pero que finalmente practican "a política máis cutre e decadente".

Por iso, dixo entender "perfectamente" o "gran desencanto da maioría de españois". O presidente do PPdeG celebrou que a "deslealdade non teña un premio" en Murcia, onde tres deputados, xa expulsados de Ciudadanos, se saltaron a disciplina de voto da súa formación na moción de censura e garantirán o Executivo de Fernando López Miras.

De igual modo, Feijóo dixo "celebrar e felicitar" a dous "grandes presidentes" como o andaluz, Juan Manuel Moreno, e o castelanleonés, Alfonso Fernández Mañueco. "Queremos dicirlles que estamos con eles, porque foron capaces de blindar o seu goberno fronte a calquera deslealdade", expresou.

Seguidamente, aínda que sen mencionar á presidenta Isabel Díaz Ayuso, o líder do PPdeG manifestou o seu desexo de que Madrid "teña un goberno estábel, unido, maioritario e libre de deslealdades". 

Comentarios