Feixoo terá que responder no Parlamento pola ‘caixa B’ do PP

BNG e PSdeG preguntarán ao presidente por este tema no próximo pleno

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego nunha imaxe de arquivo.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun pleno de control ao Goberno

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrarán as súas preguntas na próxima sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, na "caixa B" do Partido Popular.

Os portavoces parlamentarios acordaron esta terza feira na orde do día do vindeiro pleno do Parlamento, que terá lugar os días 23 e 24 de marzo.

A sesión contempla a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e incluirá o debate dunha proposición de lei do BNG para alcanzar unha igualdade "real" no ámbito da ciencia e a investigación que os nacionalistas denominaron Ángeles Alvariño en recordo da oceanógrafa galega que denunciou ante Estados Unidos a discriminación por xénero.

Mariano Raxoi comparecerá o vindeiro 24 marzo na Audiencia Nacional para testemuñar no xuízo aberto polas obras de reforma da sede central dos populares na rúa de Génova, en Madrid. O antigo presidente do Goberno do Estado non só deberá responder sobre o presunto uso de diñeiro negro para sufragar as obras do cuartel xeral dos populares, que o actual equipo de Pablo Casado tenta sacar á venda. Ademais, Raxoi será interpelado a respecto dos sobresoldos pagados a dirixentes da formación con diñeiro negro, da súa participación nesta operativa como beneficiario e das contías recibidas dunha cantidade de presunta orixe irregular achegada en 2010 polo Partido Popular de Pontevedra.

Luis Bárcenas testemuñou durante o xuízo que a caixa B se liquidou en 2009 mais que o último ingreso na mesma o efectuou en 2010 o Partido Popular de Pontevedra. Así, sinalou que "desde 2009 non se achega nin un só empresario a facer un donativo ao partido. Desde ese momento, baléirase a caixa e entrégase todo ao presidente. As entregas a Raxoi e a Cospedal realízoas eu sempre. Remátase a caixa B en 2009. O saldo estaba a cero. Hai un embargo en Pontevedra de 70.000 euros. Avisámoslles de que tiñan que devolver esa cantidade. Entréganme 50.000 euros e fago dous sobres de 25.000 euros e entrégolle un a cada un, a Mariano Raxoi e a Cospedal".

Comentarios