Afástase a perspectiva dunha lista de consenso

Feixóo ten 15 días de prazo para apresentar a súa candidatura

Xa hai data para o congreso extraordinario do partido que elixirá o novo rosto da dereita española, o relevo de Mariano Raxoi ao fronte da formación política con máis escanos no Congreso e que goberna con maioría absoluta na Galiza. Serán os días 20 e 21 de xullo. Así o decidiu esta segunda feira a Xunta Directiva Nacional do partido conservador. Ábrese agora un prazo de 15 días para se postularen as persoas que aspiren ao trono que Raxoi deixa vacante.

Rajoy e Feijóo no Castelo de Soutomaior - PP de Galicia
photo_camera Feixóo, nun acto com Raxoi no Castelo de Soutomaior

Feixóo ten 15 días por diante para formular a súa candidatura a suceder Raxoi como presidente do PP estatal. Todo indica que dará o paso, a pesar de que, conforme pasan as horas, se vai esvaecendo a hipótese de que poda encabezar unha lista de consenso.

Todos os ollos están postos en Feixóo, mais tamén en Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal, eternas inimigas que poderían librar o seu último combate interno. Non son as únicas apostas. Hai sectores do partido que ollan tamén para o ex ministro de Fomento e ex alcalde de Santander, Íñigo de la Serna, e tamén os hai -aínda que en aparencia residuais- que especulan coas opcións do ex ministro de Exteriores José María Margallo, un dos políticos conservadores que adoitan voar pola súa conta.

Feixóo, Soraya, de la Serna e até Margallo fan parte da mesma corrente política dentro do PP, a conservadora. Ningún deles forzaría un debate ideolóxico de fondo para reposicionar o partido. Mais quen si está disposto a o facer é o sector liberal da formación, aquel quen en tempos liderara a ex presidenta da comunidade autónoma de Madrid, Esperanza Aguirre. Partidario de submeter a crítica a doutrina marianista, e moi preocupados polo ascenso de Cs, o segmento liberal tería como hipotético candidato o ex presidente da comunidade autónoma de Baleares, José Ramón Bouzá.

Comentarios