Feixoo e Tellado, escollidos senadores polo Parlamento galego, co único voto a favor do PP

41 votos a favor e 31 en branco converten a Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado en senadores por designación autonómica.
Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado. (Foto: Europa Press)

O presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o novo vicesecretario de Organización dos populares, Miguel Tellado, acaban de ser escollidos senadores por designación autonómica co apoio de 41 deputados do grupo parlamentario do PP galego no hemiciclo.

Os dous dirixentes do PP abandonan o seu escano no Parlamento galego,  para substituír na Cámara alta a Elena Muñoz e a Juan Serrano. A proposta, rexistrada polo PP, foi votada esta terza feira nun pleno extraordinario, minutos antes do comezo da sesión.

Os resultados finais da votación foron 41 votos a favor da designación de Feixoo e Tellado como senadores, mentres que 31 deputados da oposición, moi críticos co "uso das institucións" por parte dos populares, optaron polo voto en branco.

Críticas da oposición

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, afirmou esta terza feira que é "tal o despropósito" do nomeamento dos senadores por designación do Parlamento galego, que un deles, o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "xa se está empadroando en Madrid e nin sequera vai vivir na Galiza".

En declaracións previas ao pleno extraordinario desta terza, que arrinca ás 16 horas, Rodil quixo deixar "moi claro" que a formación nacionalista "non vai apoiar a designación de Feixoo e o seu fontaneiro político [Miguel Tellado]" como senadores por designación parlamentaria.

Tamén o portavoz do PSdeG na Cámara galega, Luís Álvarez, cargou esta segunda feira contra o movemento dos populares: "A Feixoo non lle interesa a Galiza nin os intereses desta comunidade, o que lle interesa é ter un posto para desgastar Sánchez e, de paso, cortexar á ultradereita de Vox".

Aliás, asegurou ter "curiosidade política" por saber "como afrontará" Feixoo os debates no Senado nos que os intereses da Galiza "baten" cos doutros territorios. "Se non fose preocupante, sería divertido ver a Rueda dicindo o que hai poucas semanas dicía Núñez Feixoo e ao señor Feixoo como senador pola Galiza dicindo outra cousa distinta", dixo.

Comentarios