Sesión de control

Feixóo, sobre por que tan pouca mocidade fala galego: “Ficaron fartos da política lingüística do BNG”

O presidente presume da vitalidade do galego e as nacionalistas lémbranlle os estudos e informes que indican a grave perda de falantes: “En materia lingüística vostede é un retroceso a respecto dos gobernos de Fraga”.

feijooo

Para Feixóo o galego goza dunha boa saúde envexábel. Nunca tanto se coñecera o idioma e a súa vitalidade está por riba da do resto de idiomas minorizados do Estado español. Aquelas que denuncian a sangría de perda de falantes, a súa case eliminación no ensino en cidades, ou a falla de aposta do goberno galego no idioma propio non fan senón, para o presidente, manter “opinións minoritarias”. Así cualificou as preguntas formuladas pola portavoz do BNG, Ana Pontón, que considera que os gobernos de Feixóo foron de “escrache ao galego”. “Nunca pensei que o diría”, recoñeceu Pontón, “mais en materia lingüística vostede é un retroceso a respecto dos gobernos de Fraga”.

"Falamos máis galego os galegos que vasco os vascos e catalán os cataláns" (Núñez Feixóo)

A portavoz nacionalista lembrou informes e estudos que inciden nesa perda constante de falantes do galego, nomeadamente entre as persoas máis mozas. “A súa política lingüística nin é bilingüe, nin é cordial nin harmónica”, díxolle, engadindo que esa opinión é partillada por sindicatos, asociacións pedagóxicas, academia da lingua ou Consello da Cultura galega.

Feixóo negouno todo, acusou o nacionalismo de querer apropiarse do galego e afirmou que a perda de falantes entre a mocidade era máis cando gobernaba o bipartito: “Os rapaces son libres e ficaron fartos da política lingüística do BNG”. Defendeu o ‘decretazo’ que restrinxe as materias que se poden dar en galego no ensino e mesmo tivo tempo de acusar a Pontón de “machista” por lamentar a portavoz que unha conselleira se rira cando se debullaban os datos que indicaban a perda de persoas galegofalantes.

“A súa política lingüística nin é bilingüe, nin é cordial nin é harmónica” (Ana Pontón) 

Equilibrio territorial

Fernández Leiceaga (PSdeG) centrou as súas preguntas nun dos principais retos que Galiza ten: o do equilibrio territorial interno. O portavoz socialista  alerta de que desde hai tempo dáse unha concentración da poboación e do desenvolvemento económico en torno ao Eixo Atlántico, marxinando Lugo e Ourense. A crise no agro, a falla de proxectos industriais, a ausencia de conexións de transporte acaídas… foron algúns dos elementos citados po Leiceaga para explicar s situación de Lugo e Ourense.

"Desde que vostede goberno 180 concellos galegos perderon máis de 10% da poboación" (Fernández Leiceaga) 

Instou o goberno galego a traballar para “equilibrar internamente Galiza” e criticou que a Xunta apenas teña feito políticas neste sentido agás “eliminar o Plan de equilibrio territorial” do goberno bipartito. Feixóo retrucou ao socialista que os compromisos amósanse nos orzamentos e que nestes, co PP, o investimento per cápita é maior en Ourense e Lugo que na Coruña e Pontevedra.

A Coruña

"O futuro da Coruña pasa pola ordenación da súa fachada marítima"

A crítica á actuación da Xunta a respecto dos terreos portuarias e fachada marítima da Coruña centraron a intervención de Luís Villares (En Marea). Defendeu o traballo e compromiso do goberno local da cidade por un uso público dos terreos portuarios. “A cidadanía quer ser protagonista da súa cidade, quer decidir”, dixo Villares, ao tempo que criticaba que o papel da Xunta e goberno central sexan pactar acordos e protocolos “de costas ao Concello” para “reeditar un pelotazo”.

Feixóo situou a Xunta como a garante de que eses terreos van ser públicos e cargou contra Villares, a quen lle dixo que “estaría contento se o goberno local conseguise este acordo”.

Comentarios